O Museo Provincial de Lugo reivindica a memoria do exilio artístico galego

LugoXa
A deputada de Cultura Iria Castro inaugurou a xornada de conferencias A arte do exilio galego no Museo Provincial de Lugo, con ponencias dedicadas a indagar na influencia da diáspora na produción creativa de artistas de Galiza expulsados pola golpe militar do 36, a represión e a ditadura franquista.
15 Dec 2023

A deputada de Cultura Iria Castro inaugurou a xornada de conferencias A arte do exilio galego no Museo Provincial de Lugo, con ponencias dedicadas a indagar na influencia da diáspora na produción creativa de artistas de Galiza expulsados pola golpe militar do 36, a represión e a ditadura franquista.

As ponencias correron a cargo da profesora da UCM e especialista na arte no exilio Inmaculada Real López, quen falou “Da reconstrución do nacionalismo galego no exilio, ao retorno artístico”; de Carlos L. Bernárdez, historiador da arte e profesor de lingua e literatura galegas dedicado ao estudo da vangarda histórica galega, que se centrou na temática “O social na arte galega desde a Segunda República ao exilio”; e Pilar García Negro, profesora honoraria da UdC e unha referencia en sociolingüística, lingua e literatura galegas, e Rosario Sarmiento, licenciada en historia, crítica de arte, comisaria, xestora cultural e especialista en coleccionismo e historia da arte da muller en Galiza, que afondaron no exilio de Castelao con “Lonxe da Galiza / Sempre en Galiza”

As conferencias enmárcanse nas accións que o Museo Provincial de Lugo está desenvolvendo para a posta en valor da arte do exilio galego, como a inauguración da sala Vangardas e Exilio, con obras de Manuel Colmeiro, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Maruja Mallo, que inclúe este temática no discurso expositivo de forma específica, e a mostra “O silencio da pintura” de Leopoldo Nóvoa, que pode verse ata o 4 de febreiro na Sala de Exposicións.

Na mesma liña, no decurso das xornadas, presentouse o tríptico que propón un percorrido monográfico polos fondos museísticos relacionados con exilio, a maioría deles situados na sección de arte galega, e que convida a visualizalos baixo esta perspectiva.

O documento, que se ofrecerá ás persoas que visiten o museo, céntrase na produción, sobre todo pictórica, dos xa citados Castelao, Colmeiro e Maruja Mallo, xunto a outros como M. Bujados, Laxeiro, Seoane ou Arturo Souto, ou Camilo Díaz Baliño, Suárez Couto, Carlos Maside e F. González Prieto, que sufriron a represión no país.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18033599853516