O Museo Provincial de Lugo reivindica o legado de Villaamil y Castro cunha exposición

LugoXa
As pezas foron incorporadas aos fondos do Museo en 1934 grazas ao depósito realizado pola súa filla Josefa Villamil y Castro, sendo un dos primeiros conxuntos patrimoniais da institución
colección-Villaamil-Museo-de-Lugo
20 Jun 2025

O Refectorio do Museo Provincial de Lugo acolle ata o 31 de agosto a exposición A colección Villaamil y Castro no Museo Provincial de Lugo, unha escolma das pezas artísticas e arqueolóxicas recompiladas polo bibliotecario, arquiveiro, historiador e bibliógrafo Villaamil y Castro ao longo da súa traxectoria investigadora.

As pezas foron incorporadas aos fondos do Museo en 1934 grazas ao depósito realizado pola súa filla Josefa Villamil y Castro, converténdose nun dos primeiros conxuntos patrimoniais da institución.

A mostra está composta por obxectos de procedencias, épocas e materiais diversos —entre eles cerámicas, manuscritos e pezas arqueolóxicas— e foi coordinada pola Dirección do Museo e polos departamentos de Arqueoloxía e Historia, Belas Artes, Etnografía e Artes Decorativas, así como polo Negociado de Coleccións.

A estrutura da exposición toma como guía o catálogo da mostra organizada pola Sociedade Económica de Amigos do País en Santiago de Compostela no ano 1885, da que se recuperaron os epígrafes para artellar o relato expositivo.

Este proxecto, inserido no programa “Coleccionismo e museos”, busca ademais de divulgar estas pezas, impulsar o seu estudo e análise para xerar novo coñecemento que poida ser transferido á sociedade, subliñando o papel clave do coleccionismo na configuración dos fondos museísticos e a importancia da función científica dos museos.

Durante o acto inaugural, a deputada de Cultura, Iria Castro, destacou que “se trata dunha mostra que nos traslada ás orixes do propio Museo Provincial de Lugo xa que son pezas que se incorporaron aos fondos da institución nos seus primeiros anos” e valorou que “a exposición destas pezas visibiliza e fai máis perceptible para a cidadanía a función de conservación e investigación que é consustancial aos museos”.

Como actividade complementaria, o xoves 26 de xuño ás 19:00h celebrarase a mesa redonda Unha semblanza da conservación patrimonial galega a través de Villaamil y Castro, que contará coa participación de Antonio Prado, Abel Vigo e Erea Castro, moderados por Aurelia Balseiro. Neste encontro abordarase o papel do investigador na súa etapa vital en Mondoñedo e Lugo, onde cursou estudos no Instituto de Ensino Medio, e afondarase na relevancia do coleccionismo na valoración do patrimonio galego durante a segunda metade do século XIX.

⚙ Configurar cookies
0.18366503715515