O Museo Provincial inaugura o proxecto 'O vestiario das almas pintadas'

O Museo Provincial de Lugo acollerá a inauguración do proxecto 'O vestiario das almas pintadas. A indumentaria galega nos cadros costumistas', unha iniciativa impulsada pola Rede Museística Provincial coa colaboración da Asociación de Danza e Teatro Cafuné e da Asociación Etnográfica Sete Espadelas. O acto de presentación terá lugar esta tarde de martes, 30 de setembro, ás 19:00 horas.
Coordinado por Encarna Lago e comisariado por David Quiñones e José Luis Rodríguez, o proxecto forma parte do programa de investigación educativa que promove a Rede, orientado a favorecer unha aproximación renovada e crítica ao patrimonio artístico galego, facendo das coleccións fontes primarias de coñecemento accesibles a novos públicos.
A exposición propón unha experiencia singular que combina arte e etnografía: 45 manequíns con máis de 600 pezas de roupa antiga ou reproducións fielmente elaboradas, acompañadas de utensilios, obxectos da vida cotiá e elementos etnográficos, que se exhiben ao carón das obras orixinais. O resultado permite mergullarse nas escenas representadas en cadros e esculturas, apreciando ao detalle o vestiario, a ourivería e os obxectos empregados polos devanceiros.
A deputada de Cultura, Iria Castro, e a xerente da Rede Museística, Encarna Lago, animaron a cidadanía a participar na inauguración, subliñando que esta iniciativa reforza a aposta por abrir os museos a novos públicos mediante fórmulas participativas que invitan a descubrir o patrimonio desde outra perspectiva.
“O vestiario das almas pintadas” rescata do esquecemento figuras fundamentais da memoria popular galega, como mulleres camiño da fonte con sellas, vendedoras do mercado de Lugo, cacharreiras das feiras, rezadoras de rosarios ou personaxes da Romaría de Darbo. Un traballo de reprodución minuciosa que devolve á vida escenas icónicas da arte costumista.