O Museo Provincial revisa o estado do Mapa de Fontán no IES Lucus Augusti tralas obras da Xunta

Persoal do departamento de restauración do Museo Provincial de Lugo o IES Lucus Augusti para examinar o estado do exemplar da primeira edición do Mapa de Fontán que se conserva no centro educativo.
No percorrido participaron tamén a deputada de Cultura, Iria Castro, e a concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buíde, que comprobaron os efectos que as obras impulsadas pola Xunta están a ter sobre a conservación desta carta xeométrica, considerada a primeira do Estado realizada con métodos científicos.
As responsables institucionais aproveitaron a visita para coñecer a situación doutras estancias afectadas polas reformas, nun instituto que conta cunha relevante colección de obxectos de interese patrimonial grazas á súa longa traxectoria como institución educativa.
A deputada de Cultura lamentou que “na execución das obras, que xa están a alterar o inicio do curso, a Xunta tampouco tivese en conta a existencia de bens de gran valor patrimonial como o Mapa de Fontán”.
O exemplar, coñecido como Carta Xeométrica de Galiza e elaborado por Domingo Fontán (Portas, 1788 – Cuntis, 1866), formou parte do material pedagóxico do instituto, que tivo a súa sede no Pazo de San Marcos ata a década de 1950. Tras o traslado, o mapa quedou esquecido no edificio provincial ata que foi localizado de novo de xeito casual. Posteriormente, foi restaurado polo Museo Provincial e, no ano 2009, a Deputación promoveu a súa cesión ao IES Lucus Augusti.
Dende entón, o material permanece no centro como recurso pedagóxico ao servizo do alumnado, grazas a un acordo de cesión que foi renovado por dez anos máis en xaneiro de 2024.