O nacionalista Xosé Ferreiro deixa o seu acta de concelleiro en Outeiro de Rei despois de dez anos

LugoXa | TerraChaXa
A mestra de Cela Noelia P. Fompedriña ocupara o seu lugar na corporación municipal
xose-ferreiro-bng-outeiro-de-rei-noelia-fompedrina
27 Feb 2025

O Pleno Municipal do Concello de Outeiro de Rei acolleu hoxe a despedida de Xosé Ferreiro como concelleiro do BNG, quen formalizou a súa renuncia ao cargo por motivos persoais. “Foi unha honra poder traballar por este concello que ten moito potencial e que estou seguro que os meus compañeiros concelleiros van seguir a traballar para mellorar”.

Destes anos como membro da corporación municipal vaise satisfeito de que o BNG deixase a súa pegada cun traballo "serio" e que así o valorase a cidadanía, indica.

Le a entrevista a Xosé Ferreiro que realizamos neste medio.

Trátase, segundo explica Ferreiro, dun cambio "natural e tranquilo", no que el continuará vinculado ao BNG de Outeiro de Rei. "Eu non teño apego aos cargos nin me custa abrir nin pechar ciclos, as persoas non poden eternizarse nos postos", comenta o nacionalista, quen define a súa sucesora como unha "persoa moza que pode achegar unha visión nova e fresca a este grupo municipal", convencido de que desenvolverá un bo traballo a prol de Outeiro de Rei.

Noelia P. Fompedriña é mestra e veciña da parroquia de Cela, unha persoa que está vinculada ao mundo do asociacionismo. Noelia P. Fompedriña agradece o traballo que fixo Ferreiro nestes anos como concelleiro e asume o reto de entrar no grupo municipal “con ilusión e con ganas de achegar ideas para conseguir que o concello de Outeiro de Rei sexa un concello mellor”.

 

 

⚙ Configurar cookies
0.087319850921631