O novo Centro Social Multifuncional de Lamas de Prado abrirá as próximas semanas
En apenas unhas semanas, a cidadanía lucense poderá dispoñer dun novo centro social en Lamas de Prado. As instalacións prestarán servizo a unhas 20.000 persoas dos barrios do Carme, A Cheda, Abuín-Abella e Castiñeiro, así como dediversas parroquias do rural.
“O obxectivo que nos marcamos foi integrar nun só edificio, moderno e funcional, os locais da zona nos que actualmente se levan a cabo labores de benestar social, e que quedaron xa pequenos, dándolle continuidade ao propósito que temos de crear espazos e equipamentos polivalentes que nos permitan compatibilizar a dinamización para a terceira idade, con propostas para a xuventude e as crizanzas favorecendo, desta forma, a convivencia interxeracional e facilitando a conciliación das familias”, afirmou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.
A rexedora, a compañada pola edil responsable de área, Olga López Racamonde, deu a coñecer esta mañá o estado no que se atopa a construción do inmoble, practicamente xa rematado e ao que só lle restan pequenos aspectos burocráticos como a contratación do mantemento do ascensor e da subministración eléctrica, así como a instalación do mobiliario, actual e multifuncional, acorde aos diferentes usos que se contemplan tanto no interior como no exterior do centro e ao que foron destinados 47.000 euros”, indicou.
A alcaldesa explicou que a dotación disporá de dúas plantas e un soto, que funcionará de xeito independente. De maneira que a planta baixa, que terá unha distribución flexible, albergará actividades recreativas e formativas, coas que facilitar a convivencia de todo tipo de persoas usuarias, mentres que a planta superior se destinará a tarefas de traballo social.
“A zona de recreo (Planta Baixa) terá unha distribución flexible, con tabiquería móbil, o que permitirá adaptar a distribución das particións interiores ás finalidades e actividades que se vaian a desenvolver en cada momento. E contará, tamén, cunha zona que se poderá empregar como salón de actos para 150 persoas, ludoteca, sala de conferencias, de lectura, de xogos, de ximnasia ou de baile. Mesmo disporá dun escenario hidráulico con diferentes alturas”, avanzou.
“Pola contra, a parte administrativa (1º Planta) foi organizada en franxas de sentido lonxitudinal ao longo do edificio, para acoller unha zona de información, 7 despachos – intercomunicados a través dun corredor de seguridade - dúas zonas de espera, un arquivo e aseos. E o soto centrará a súa funcionalidade en albergar os baños da Planta Baixa, o cuarto de instalacións e o almacén xeral”, referiu Lara Méndez.
Pola súa banda, Olga López destacou que o centro permitirá ofrecer asesoramento á poboación e atención na tramitación das axudas sociais pero tamén a impartición de formación e cursos, e de programación recreativa ou de ocio como o baile, teatro, espectáculos, xogos, etcétera.
En canto aos recursos humanos, contará cun equipo interdisciplinar constituído por traballadore/as sociais, educadore/as, animadore/as, auxiliares e conserxería.
“Estamos seguros de que este proxecto contribuirá, no seu conxunto, a revitalizar toda a zona a través do apoio social e da mellora das prestacións aos colectivos máis vulnerables e á poboación en xeral, cunha nova imaxe de modernidade, innovación e mellora estética, ao tempo que seguimos apostando pola sostibilidade”, engadiu López Racamonde.
A este respecto, Méndez recordou que o inmoble, asentado nunha parcela municipal de 886 m² que linda coa rúa Aquilino Iglesia e a Fábrica de Abella, foi deseñado segundo criterios de aforro enerxético.
Alén de que o seu consumo de enerxía primaria será un 40% menor respecto ás construcións convencionais, a instalación disporá de 65 paneis fotovoltaicos e na zona sur, contará ademais cun peche de láminas de madeira para regular a incidencia do sol e controlar o confort climático interior, que gozará de altas prestacións en illamento e hermeticidade, próximas ao estándar Passivhaus.
Ofrecerá unha ampla zona verde ao seu redor, para separalo do tráfico rodado e gañar en versatilidade á hora de organizar eventos e, finalmente, contará con diferentes prazas de recarga eléctrica, dentro do aparcadoiro.
O proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% pola UE a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), aínda que a alcaldesa destacou tamén o aproveitamento que se fixo das sinerxías co programa Life Lugo+Biodinámico “xa que a madeira, de orixe galega, foi o principal elemento estrutural da edificación, na liña do Impulso Verde e en consonancia urbanismo sustentable que xa é a marca que define a nosa cidade”, concluíu.
O novo Centro Social de Lamas de Prado, que se recepcionará proximamente, supuxo un investimento municipal de 1.230.265 €.