O novo contrato de actividades extraescolares amplía horas de coordinación nos centros educativos

A Xunta de Goberno Local aprobou a apertura do procedemento de licitación para un novo contrato de actividades extraescolares, tras detectarse incidencias no servizo actual. O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, explicou que o contrato vixente só se prorrogou ata o 31 de maio, rematando este curso, mentres se elabora a nova contratación. O servizo ofrecerase entre outubro e maio, con 74 horas semanais durante as 32 semanas de curso, e aumenta as horas de coordinación de 9 a 15, atendendo á demanda das ANPAS e dos equipos directivos. Arroxo sinalou que tamén se contempla “a posibilidade da cesión a outra empresa antes de que remate o actual contrato sempre que o adxudicatario teña os pagos ao día”.
Ademais das actividades extraescolares, a Xunta de Goberno aprobou a primeira prórroga do contrato da Escola Luguesa de Xadrez, cun importe de 11.000 euros e vixencia ata o 27 de maio de 2027. Este proxecto municipal inclúe actividades nos centros educativos e na rúa, como o xadrez xigante de fin de curso, torneos escolares e accións divulgativas nos barrios.
Tamén se prorrogou o contrato do servizo de limpeza e desinfección dos equipos de protección individual (EPIs) do persoal do cemiterio municipal, adxudicado a Ángel Cabado López por un gasto máximo de 3.627 euros e con vixencia ata o 25 de marzo de 2027. O servizo contempla a recollida, limpeza e certificación das pezas de roupa, asegurando a eliminación de calquera tipo de contaminantes químicos e biolóxicos.
Igualmente, aprobouse a apertura de contratación do servizo de seguridade para eventos na praza de Abastos e no Mercado Municipal en fins de semana e festivos, cun contrato inicial dun ano prorrogable ata cinco e un orzamento de 2.916,34 euros. Do mesmo xeito, abriuse a licitación para a subministración de produtos de limpeza e hixiénico-sanitarios para o Cemiterio, Praza e Mercado Municipais, con duración dun ano prorrogable ata cinco e un prezo de 3.613,16 euros, incluíndo produtos como cloro, luvas, bolsas de lixo, vasoiras, protección solar e toalliñas húmidas.