O novo contrato dos comedores escolares de Lugo incluirá condicións esixentes

A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento de Lugo, Iria Buide, avanzou que o prego de condicións técnicas que rexerá o novo contrato dos comedores escolares municipais incluirá esixencias "superiores ás lexisladas polo Goberno do Estado e publicadas no BOE esta mesma semana".
Buide destacou que desde a concellería trabállase cun "firme compromiso por promover hábitos de vida saudables", apostando por menús elaborados con produtos de calidade e de proximidade. Neste sentido, subliñou tamén outras iniciativas complementarias, como os Vieiros Escolares, que fomentan a actividade física entre o alumnado.
Entre as diferenzas máis destacadas entre o novo decreto estatal e o prego municipal atópanse cuestións como o tipo de aceite permitido: mentres o decreto do Estado autoriza o uso de aceite de xirasol, o documento municipal limita a utilización ao aceite de oliva virxe extra. Así mesmo, en canto ás técnicas culinarias, o texto estatal recomenda priorizar métodos saudables fronte ás frituras, mentres que o prego do Concello restrinxe aínda máis o seu uso, limitando as frituras a dúas veces ao mes.
Outra das novidades do contrato será a obrigatoriedade de que os menús sexan deseñados por unha persoa graduada en nutrición e dietética, fronte á falta de especificacións do decreto estatal sobre a formación necesaria.
Sobre os prazos da licitación, Iria Buide explicou que “nas vindeiras semanas enviarase á Xunta de Goberno a apertura do procedemento, unha vez os distintos servizos municipais implicados realicen todas as comprobacións previas ao inicio deste trámite”.
Con esta proposta, o Concello de Lugo reafirma a súa aposta pola saúde e o benestar da infancia, establecendo un modelo de comedores escolares baseado na calidade, a educación nutricional e a sustentabilidade.