O novo disco de Germán Díaz e Benxamín Otero gravarase na Capela de Santa María de Lugo

LugoXa
A gravación reunirá a recoñecidos músicos galegos como Noemí Basanta, Roberto Rodríguez Páramo e Pablo Pascual, e a prestixiosa cantante india Vidya Shah
Germán-Díaz-e-Benxamín-Otero-novo-disco-Lugo
22 Feb 2025

A Capela de Santa María en Lugo será este fin de semana o escenario da gravación en directo do novo disco de Germán Díaz e Benxamín Otero, titulado Outras trece cancións bonitas.

Este proxecto fusiona instrumentos tradicionais e mecánicos, como a zanfona, o corno inglés e as caixas de música, para crear paisaxes sonoras evocadoras que trascienden fronteiras e xéneros musicais.

A gravación reunirá a recoñecidos músicos galegos como Noemí Basanta, Roberto Rodríguez Páramo e Pablo Pascual, que acompañarán a Díaz e Otero no seu proxecto. A eles, únese a prestixiosa cantante india Vidya Shah, especializada na investigación de intérpretes populares esquecidas, quen fará unha colaboración excepcional no álbum.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, destacou a importancia desta iniciativa, sinalando que "estas actividades contribúen a poñer en valor a colección de instrumentos do Centro de Artesanía e Deseño, e especialmente os fondos instrumentais e documentais relacionados coa zanfona, consolidando Lugo como a capital europea da zanfona". Castro tamén subliñou o papel fundamental da música e os instrumentos tradicionais para "tender pontes con outras culturas".

CHARLA DE VIDYA SHAH

Ademais, aproveitando a súa presenza en Lugo, Vidya Shah ofrecerá o martes 25 de febreiro ás 19.00 horas na propia Capela de Santa María unha charla sobre o seu traballo documental Women on Record.

Este proxecto rescata e pon en valor o papel das mulleres nas primeiras gravacións discográficas da historia, destacando a súa contribución como portadoras de sabedoría e tradicións ancestrais.

Un legado que, segundo a investigadora, conecta directamente coas cantareiras galegas, ás que este ano se lles dedica o Día das Letras Galegas.

0.16716289520264