O novo presidente da Real Federación Española de Voleibol, Felipe Pascual, foi recibido en Lugo

LugoXa
Durante o encontro, analizáronse posibles vías de colaboración entre o Concello e a Federación para promover a práctica do voleibol e consolidar Lugo como unha cidade de referencia
Presidente-da-Real-Federación-Española-de-Voleibol-Lugo
28 Feb 2025

O novo presidente da Real Federación Española de Voleibol, Felipe Pascual, foi recibido na Casa do Concello de Lugo, acompañado polo vicepresidente da entidade e presidente da Federación Galega, José Ángel Luna.

Durante o encontro, ambos os representantes analizaron posibles vías de colaboración entre o Concello e a Federación para promover a práctica do voleibol e consolidar Lugo como unha cidade de referencia neste deporte.

A alcaldesa, Paula Alvarellos, aproveitou a ocasión para desexarlle moito éxito a Pascual na súa nova etapa á fronte da Federación e reiterou o compromiso de Lugo co voleibol. "O traballo conxunto entre administracións e federacións é clave para seguir promovendo o deporte base e garantir que Lugo siga sendo unha cidade referente", afirmou a alcaldesa.

Ademais, destacou o importante papel do Arenal Emevé, único club de España con equipos masculino e feminino na máxima categoría de voleibol, e puxo en valor a súa traxectoria: “O Emevé é un exemplo de constancia e paixón polo deporte. O seu esforzo e a súa aposta pola canteira fanos sentir orgullosos como cidade.”

Alvarellos tamén lembrou que Lugo conta con instalacións de primeiro nivel para a práctica do voleibol. "O Pavillón Municipal é unha referencia no voleibol español. Foi sede de finais de competicións como a Copa da Raíña e de diversos campionatos de España de categorías inferiores, demostrando a capacidade da nosa cidade para acoller grandes eventos deportivos."

Finalmente, a alcaldesa subliñou a importancia de seguir apostando polo deporte como motor social e económico da cidade. "Cada iniciativa que impulsemos a favor do deporte en Lugo tradúcese en máis oportunidades, máis dinamismo e máis futuro para a nosa cidade", concluíu.

O encontro co presidente da Real Federación Española de Voleibol representa un paso importante para fortalecer a relación entre a cidade e o mundo do voleibol, co obxectivo de seguir promovendo este deporte en Lugo e aproveitar o seu potencial como referente na disciplina.

⚙ Configurar cookies
0.15258002281189