"O obxectivo da asociación é manter aos veciños unidos"
A Asociación de veciños, cultural e deportiva de San Xoan de Tirimol conta na actualidade con máis de cen socios, Jesús Martínez Arias, vicepresidente acércanos un pouco a esta asociación veciñal.
Cal é o ano de fundación?
A Asociación de veciños, cultural deportiva de San Xoán de Tirimol foi fundada hai trinta e tres ano, no 1990.
Cal é o número de socios?
Actualmente contamos con 150 ou 160 mais ou menos.
Que actividades habituais realizan?
Dende a asociación organizamos as festas patronais, o entroido, tamén o Rosario cunha comida veciñal e na actualidade nada máis. Antes contabamos con un equipo de fútbol, pero cada vez temos menos axudas e iso permite facer menos cousas.
Realizan outras actividades?
Si, antes tamén se realizaban talleres para os veciños e este ano tiñamos pensar volver aos obradoiros.
Cal é o obxectivo ou finalidade da asociación?
Somos un pobo grande con varios núcleos como Bagueixos, Ramil, Seivane, Pedrouzón ou A Brea, son barrios e estamos moi espallados. Hai máis de cen casas e o noventa e cinco por cento dos veciños forman parte da asociación entón o obxectivo é manter a todos os veciños unidos.
Quen forma parte da xunta directiva?
A presidenta é Mari Carmen Castro Revolo, o vicepresidente son eu, Jesús Martinez Arias, secretario José Manuel Castro Gay, tesoureiro Pablo Cancela Nuñez e dous vocales Noelia López Rois e Manuel Chousa Maciñeira.
Que proxectos de futuro teñen?
A nosa intención e comezar a facer cousas para os nenos, actualmente hai moitos nenos en Tirimol. Para isto estamos intentando arranxar as instalacións e crear fora un espazo cuberto para que os máis pequenos podan xogar. Este ano pola festa do patrón fixemos o domingo unha tarde de xogos e non contabamos nin coa terceira parte de rapaces que viñeron.
E tamén queremos facer algo para a xente maior como talleres de memoria, para que podan ter algunha actividade enfocada a eles.
Como se sosteñen economicamente?
Actualmente temos unha cota mínima que nos axuda a sufragar os gastos do local como a contribución, luz e os seguros. Este ano si que recibimos unha subvención para arranxar un dos locais pero había moitos anos que non nos concedían nada, entón precisamos das cotas para poder facer fronte a eses gastos fixos.
Que necesidades teñen?
Pois gustaríanos crear ese espazo cuberto no exterior, para poder realizar actividades fora do local.