O outlet de Lugo Monumental leva rebaixas ao casco histórico

As rúas do casco histórico de Lugo converteranse este xoves, 26 de marzo, e o venres 27 nun gran escaparate de oportunidades coa celebración do outlet de Lugo Monumental, unha iniciativa á que xa se teñen sumado 40 establecementos.
Durante estas dúas xornadas, os comercios sacarán á rúa produtos de fin de tempada con descontos significativos, co obxectivo de liberar stock de cara á chegada das novas coleccións. Ao mesmo tempo, o evento ofrece á clientela a posibilidade de adquirir artigos de alta calidade a prezos máis accesibles.
A proposta busca dinamizar o comercio local, que se presenta como sinónimo de calidade, atención personalizada e confianza, valores que se verán reflectidos na ampla variedade de produtos dispoñibles durante o outlet. Os asistentes poderán atopar artigos auténticos e con garantía, nun ambiente que pretende atraer tanto á veciñanza como a visitantes.
Para facilitar a localización dos establecementos adheridos, habilitarase un listado actualizado que incluirá tamén posibles novas incorporacións que se produzan ata o inicio da iniciativa.