O PAC de Lugo será trasladado ao Centro Integral de Saúde en setembro

LugoXa
A Consellería de Sanidade ten previsto iniciar a mediados do próximo mes de setembro o traslado do Punto de Atención Continuada (PAC) de Lugo ao novo Centro Integral de Saúde (CIS) do barrio da Residencia.
Cis residencia
8 Ago 2023

A Consellería de Sanidade ten previsto iniciar a mediados do próximo mes de setembro o traslado do Punto de Atención Continuada (PAC) de Lugo ao novo Centro Integral de Saúde (CIS) do barrio da Residencia.

Igualmente, no mes de outubro realizará o cambio o persoal do centro de saúde da Milagrosa que, atendendo á redistribución de usuarios nesa zona da cidade, pasará a prestar servizo na nova dotación. Así o confirmou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, durante unha visita ao complexo sanitario xunto con Ramón Ares, xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investiu máis de 13 millóns de euros no CIS, que ademais do PAC comprende un centro de saúde moderno e accesible, un centro de saúde mental e a base do 061. No seu conxunto, serán 8.000 m² de superficie construída e máis de 5.500 m² de superficie útil en 6 andares, permitindo albergar as 46 consultas do centro de saúde e do PAC e as 22 consultas do centro de saúde mental.

0.19648194313049