O palco da Praza Maior de Lugo acolle sete paneis sobre o libro 'Diario de Lugo. 1936'

LugoXa
Desde a Deputación e o Concello de Lugo convidan a participar na presentación, que saca á luz un texto inédito sobre a represión franquista na cidade
Diario-de-Lugo-Ben-Cho-Shey-Deputacion
7 Nov 2024

Con motivo da presentación do libro 'Diario de Lugo. 1936', que recolle o diario escrito por Xosé Ramón Fernández-Oxea 'Ben Cho Shey' nos días seguintes ao golpe de Estado do 1936, o palco da Praza Maior de Lugo acolle sete paneis con fotografías e textos que forman parte da publicación.

A instalación, deseñada por Diego Núñez, responsable do deseño e maquetación da publicación, difunde a presentación pública do libro, que terá lugar o venres 8 de novembro ás 20.00 horas no Salón de Actos da Deputación de Lugo.

Ademais, esta exposición lembra fitos da campaña a favor da aprobación do Estatuto de Autonomía, na que Ben Cho Shey participou activamente como presidente do Partido Galeguista en Lugo, como o multitudinario mitin celebrado no propio templete o 11 de xuño do 1936 e dá conta da represión franquista en distintos puntos da provincia, desde Viveiro ata O Incio.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e a deputada de Cultura, Iria Castro, acompañados polo tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, convidaron a participar na presentación, que saca á luz un texto inédito sobre a represión franquista na cidade e na provincia de Lugo.

Diario de Lugo. 1936

O libro, editado polo Servizo de Publicacións da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, inclúe a transcrición do diario de Ben Cho Shey con crónicas entre o 18 de xullo e o 21 de agosto, máis dous apuntamentos a xeito de epílogo e síntese e a reprodución facsimilar do caderno, depositado na Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense xunto ao outros documentos do seu arquivo persoal e da súa biblioteca.

O orixinal identificouse durante os traballos de investigación desenvolvidos para a organización da exposición 'Ben-Cho-Shey. 50 anos de maxisterio cultural' do Museo Provincial de Lugo polo equipo responsable da mostra, coordinado por Xoán Ramiro Cuba e participado por Iria Varela Fernández, Mercedes Salvador Castañer e Xosé Brais García Fernández, actual responsable do Servizo de Publicacións e coordinador editorial do libro.

As súas achegas incorpóranse no limiar do libro e nun detallado e amplo compedio de notas que contextualiza o relato de Ben Cho Shey, un dos poucos que dá testemuña directa da represión franquista na cidade de Lugo nos días seguintes ao 18 de xullo e dos seus antecedentes.

0.21468305587769