O Parlamento acorda instar á Xunta a garantir as titulacións do campus de Lugo
Grazas a unha iniciativa presentada polo PSdeG, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade no Pleno deste martes instar á Xunta de Galicia a revisar, tras 12 anos e de xeito consensuado coas tres universidades públicas galegas, o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da comunidade autónoma, nomeadamente no que se refire a estudantes de novo ingreso, de xeito que se garanta, dentro da autonomía universitaria, a continuidade das titulacións do Campus de Lugo.
A proposta acordada entre os tres grupos da Cámara galega inclúe tamén que a Xunta deseñe campañas públicas, xunto con outras administracións e coas universidades, encamiñadas a promover vocacións relacionadas cos perfís profesionais que se ofertan no Campus Terra e nos demais campus periféricos.
O acordo xurdiu a raíz dunha Proposición non de Lei defendida polos socialistas no Parlamento ante as novas sobre a intención da USC de suprimir no Campus de Lugo os graos de Paisaxe e Enxeñería Civil, así como a conversión en interuniversitarios dos graos de Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria e o de Enxeñería Forestal e do Medio Natural, ademais da intención futura de eliminar a oferta do grao en Procesos Químicos.
O voceiro socialista no Parlamento, Luis Álvarez, subliñou que estas propostas foron rexeitadas contundentemente pola sociedade da provincia, así como pola Deputación de Lugo. De feito, o Presidente, da institución, José Tomé Roca, freou os recortes condicionando as achegas da institución provincial á Universidade de Santiago a que se manteñan as titulacións, e tamén polo Concello lucense.
Neste sentido, incidiu en que o compromiso da Deputación de Lugo “supera amplamente o millón de euros ao ano. De feito é a institución provincial de España que máis recursos económicos achega ás universidades públicas, o que fai máis inexplicable que a USC adopte decisións de forma unilateral, sen ter en conta á institución provincial, cando esta xoga un papel fundamental na vida do Campus dende a súa propia creación”.
Luis Álvarez defendeu que, ante o “grave problema de despoboamento que sufrimos, a fórmula non pode ser recortar ou afastar as ensinanzas, senón todo o contrario, amplialas e achegalas ao territorio para conseguir fixar e atraer poboación”, e “tampouco resulta aceptable que se utilice como xustificación para suprimir graos o número de matrículas, pois, nun ámbito como a educación, hai que priorizar a rendibilidade social, o retorno que ten a oferta académica para a sociedade e para o tecido produtivo en termos de transferencia de coñecemento, de impulso á innovación e ao desenvolvemento, e de xeración de riqueza”.
O voceiro do PSdeG subliñou que as ensinanzas ás que afectaría a reestruturación “son parte fundamental do propio Campus de Lugo, ligadas á súa mesma creación, progresión e avances”, e tamén “vinculadas ao tecido social e económico da provincia, que, sendo eminentemente rural, ten no sector agrogandeiro e forestal un factor imprescindible para seguir avanzando, e por elo debe contar coa formación e a investigación universitarias no propio territorio”.
Así mesmo, Luis Álvarez puxo en valor a calidade docente destes graos, e destacou a alta inserción laboral que rexistran, “preto ou igual ó 100%” nos casos das enxeñarías Agrícola, Civil e Forestal. Así mesmo, abundou, “as expectativas a curto prazo son moi positivas en canto a empregabilidade dos egresados da EPSE se temos en conta o extractado do estudo realizado polo Ministerio de Transición Ecolóxica sobre Empleo y Transición Ecológica. Yacimientos de Empleo, Transformación Laboral y Retos Formativos en los Sectores Relacionados con el Cambio Climático y la Biodiversidad en España 2023”. “Vemos, por tanto, que no futuro inmediato se van precisar máis técnicos dos eidos agrícola, forestal e civil”, sinalou o Voceiro socialista no Parlamento de Galicia.