O Parlamento galego apoia a implantación de Altri en Palas de Rei

LugoXa
Aprobou unha proposición non de lei a través da que manifesta o seu apoio á iniciativa, sempre que se garanta o cumprimento da máis estrita normativa medioambiental, técnica e sectorial
parlamento-de-galicia
Parlamento
23 May 2024

O Parlamento de Galicia aprobou unha proposición non de lei a través da que manifesta o seu apoio á implantación da iniciativa empresarial de Altri en Palas de Rei, sempre que se garanta o cumprimento da máis estrita normativa medioambiental, técnica e sectorial, por canto supón unha oportunidade para xerar riqueza e emprego cualificado na Comunidade galega, fomentar o asentamento de poboación no rural, pechar o ciclo produtivo e de valor da madeira, favorecer aos propietarios de montes, e xerar sinerxías con dous sectores clave da economía galega como son o téxtil e o forestal.

Así mesmo, ínstase ao Goberno central a concretar liñas de apoio no marco dos fondos europeos Next Generation para o desenvolvemento deste proxecto coa maior celeridade posible, ao tempo que lle esixe que inclúa na Planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica 2021-2026 a construción dunha subestación eléctrica para a subministración desta planta.

A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, lamentou que, “entre tanta desinformación, medias verdades, mentiras e fotos falsas que se están espallando sobre este proxecto, a verdade é que estamos perdendo a gran oportunidade de falar do verdadeiramente importante: o cumprimento das normas vixentes”. “Das normas europeas, españolas e galegas, as máis respectuosas co medio ambiente de todo o mundo e que determinarán se o proxecto de Altri cumpre ou non para a súa implantación”, indicou.

Lembra que apoiarán todas as iniciativas que, “cun estrito cumprimento da normativa, permitan captar novos investimentos industriais e xeren novos postos de traballo, cualificados e de calidade, en Galicia”, asegurou a viceportavoz popular. Neste sentido, Cristina Sanz pediu ao BNG que “deixe de mentir” e cualificou aos nacionalistas galegos como “o partido do non: non aos parques eólicos, non á eólica mariña, non á minaría, non ao turismo e non á implantación de calquera proxecto industrial en Galicia”.

Respecto do proxecto de Altri en Palas de Rei, a viceportavoz popular lembrou que será a primeira fábrica de lyocell de España e a segunda de Europa, e converterase nun referente mundial, xa que será a primeira fábrica do mundo que integrará todo o ciclo produtivo de transformación da madeira ata a elaboración dun tecido de alta calidade totalmente biodegradable.

0.16688299179077