O Parlamento galego pide ao Goberno central o arranxo das autoestradas A-6 e A-52

TerraChaXa | LugoXa
O Parlamento galego pide ao Goberno central o arranxo do firme das autoestradas A-6 e A-52. Foi aprobado en pleno por unanimidade.
autovia a 6 saida begonte
14 Maio 2023

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que proceda con toda a celeridade posible a arranxar o firme deteriorado das autoestradas A-6 e A-52, que son as principais vías de comunicación de Galicia e Meseta; e estableza un plan de conservación anual de todas as estradas de competencia estatal en Galicia.

O portavoz popular de Infraestruturas, José Manuel Balseiro, manifestou que “defender a Galicia tamén é defender que se dea un trato xusto no que respecta ás nosas estradas” e afirmou que “merecemos unhas estradas dignas, seguras e modernas, e nas que se cumpran coas labores de conservación e mantemento básicas”.

“Pedro Sánchez maltrata a Galicia”, afirmou Balseiro, quen lembrou que “o seu Goberno non quere dar a coñecer os prazas de entrega dos trens AVRIL, bloquea o traspaso da AP-9 e sube as peaxes das autopistas en contra do que prometeron”.

Ademais, dixo que “en Galicia temos tres autovías estatais para conectarnos co resto de España e as tres presentan algún tipo de problema ou deficiencia”. En concreto, explicou que “a A-8 segue cos problemas de néboa cos que naceu e son incapaces de aplicar solucións definitivas; a A-52 ten agora mesmo unha calzada cortada por mor das obras urxentes nos viadutos; e, tras un ano de obras de emerxencia e un investimento de 26 millóns de euros, en xuño do pasado ano viamos como o viaduto do Castro da A-6 colapsaba”.

“Un problema para o que o Goberno de Pedro Sánchez non atopa unha solución de urxencia, nin ofrece un cronograma crible, e por non ter non contamos nin cun desvío provisional satisfactorio cando estamos preto de que se cumpra un ano do colapso”, apuntou. Así mesmo, lamentou que o Goberno central “se nega a reconstruír os dous viadutos pola vía de urxencia e de xeito sumultáneo, unha decisión que vai supoñer demorar a reconstrución completa da A-6 ata, como mínimo, o ano 2028”.

José Manuel Balseiro considerou “urxente que o Goberno de España afronte con rigor e seriedade a conservación e mantemento da súa rede de estradas, porque as deficiencias afectan tanto ás autovías como ás outras infraestruturas viarias de competencia do Estado”.

0.18915104866028