O Parlamento insta á Xunta a dialogar coas persoas usuarias da residencia das Gándaras

LugoXa
A iniciativa do BNG, defendida por Olalla Rodil, reclama escoitar ás persoas maiores ante unha remodelación que xera preocupación pola perda de intimidade
protestas-residencia-das-Gándaras
22 Jan 2026

A comisión 5ª do Parlamento de Galicia, de Sanidade, Política Social e Emprego, aprobou unha Proposición Non de Lei presentada pola deputada do BNG Olalla Rodil para instar á Xunta de Galicia a abrir un espazo de diálogo coas persoas usuarias da residencia pública de maiores das Gándaras, en Lugo, co fin de escoitar as súas opinións e preferencias sobre as obras de remodelación previstas no centro.

Durante a súa intervención, Rodil subliñou que a Xunta “ten que escoitar ás persoas usuarias da residencia das Gándaras” e incidiu en que a xente maior, e de maneira particular quen vive en residencias, non pode ser considerada como simples receptoras de servizos e coidados, senón como suxeitos plenos de dereitos. A deputada defendeu que as persoas maiores non perden nin a súa capacidade de decisión nin o seu proxecto de vida ao ingresar nunha residencia pública, nin pasan a estar tuteladas pola Administración, polo que a súa opinión debe ser tida en conta.

Na iniciativa aprobada, Rodil tamén puxo o foco en que as persoas usuarias das Gándaras levan desde o mes de decembro tentando que se escoiten as súas reivindicacións sen obter resposta por parte da Xunta. Segundo explicou, esta falta de diálogo levou ao BNG a trasladar a súa voz ao Parlamento galego e a reclamar ao Goberno galego que atenda as súas demandas, que, ao seu xuízo, foron ignoradas polo executivo do PP.

As críticas das persoas residentes céntranse nos cambios que suporán as obras proxectadas pola Xunta, que consideran que poden mermar o dereito á intimidade e á privacidade, especialmente no caso das persoas que comparten habitación. A residencia das Gándaras comezou a funcionar en 1981, conta con 218 prazas e 160 delas corresponden a habitacións dobres. Segundo as usuarias, o proxecto non contempla a creación de máis cuartos individuais e prevé unha reorganización dos espazos que reduciría a superficie actual, deixando as camas separadas unicamente por unha mesiña de noite.

RESPOSTA DO PP

Pola súa parte, o Grupo Popular defendeu a actuación da Xunta e criticou a postura de BNG e PSdeG. A portavoz de Política Social do PP, Raquel Arias, cualificou o debate como un exemplo de “incongruencia e dobre moral” por parte de nacionalistas e socialistas, aos que acusou de criticar a adecuación da residencia ao novo modelo impulsado pola Xunta mentres, segundo indicou, o Concello de Lugo destina 900.000 euros do servizo de axuda no fogar, no que existen arredor de 600 persoas en lista de espera, á compra de cámaras de control de tráfico.

Arias tamén reprochou que se cuestione a xestión indirecta dalgúns servizos sociais da Xunta cando, segundo afirmou, están privatizadas todas as residencias da Deputación Provincial de Lugo e o propio servizo de axuda no fogar da cidade. Ademais, lamentou que se critique a reforma da residencia das Gándaras e se esquezan outras actuacións pendentes na zona, como a construción dun aparcadoiro que dea servizo á veciñanza.

A portavoz popular explicou que as obras de remodelación da residencia pública de maiores das Gándaras, cun investimento de 8,6 millóns de euros, permitirán mellorar o confort das persoas usuarias mediante a creación de unidades de convivencia, novos espazos de atención sanitaria, a renovación completa da fachada e das carpinterías exteriores, a mellora da accesibilidade e a reorganización dos espazos das habitacións en distintas plantas. Segundo subliñou, os traballos non suporán unha redución do número de habitacións individuais existentes e, unha vez finalizadas as obras, a distribución dos espazos farase tentando respectar as preferencias das persoas residentes e en función das necesidades de coidados de cada unha.

⚙ Configurar cookies
0.21856904029846