O Parlamento pedirá suprimir o mínimo de alumnos co que ameazan ás titulacións do Campus de Lugo

LugoXa
A Comisión de Educación do Parlamento aprobou unha iniciativa socialista para pedirlle á Consellería de Educación que suprima o número mínimo
campus_terra_lugo
campus_terra_lugo
4 Xul 2024

A Comisión de Educación do Parlamento aprobou unha iniciativa socialista para pedirlle á Consellería de Educación que suprima o número mínimo de alumnos co que ameazan ás titulacións do Campus Terra de Lugo. A parlamentaria socialista Lara Méndez reclamoulle ao Goberno galego que retire esta “espada de Damocles” coa que ameazan a continuidade de graos minoritarios que rexistran unha empregabilidade do cen por cen dos titulados.

A socialista explicou que o Decreto 222/2011 da Xunta de Galicia, que fixa un mínimo de 45 alumnos de novo ingreso para garantir a continuidade dos graos universitarios nos campus periféricos, pon en risco a continuidade de titulacións fundamentais para o desenvolvemento económico de Galicia. É o caso dos graos de Paisaxe e Enxeñaría Civil ou de Procesos Químicos, que o goberno galego quixo suprimir, mentres no caso dos graos de Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria e de Enxeñería Forestal e do medio natural serían convertidos en interuniversitarios no ano 2025.

Subliñou que ata o momento a ameaza da reestruturación foi adiada grazas á presión da comunidade universitaria, a sociedade lucense e as institucións locais encabezadas polo Concello. A responsable socialista reclamoulle á Xunta que derrogue o dito Decreto, pero tivo que ser transaccionada co PP para que fora aprobada comprometéndose a revisar a dita norma no que se refire a estudantes de novo ingreso, “de xeito que se garanta a continuidade dos estudos”.

A proposta incorpora a petición directa ao goberno galego para que active campañas de captación de alumnado, do mesmo xeito que no seu día impulsaron a promoción da FP, para que a sociedade coñeza da importancia e da oportunidade laboral da formación nas enxeñerías que se ofrecen no Campus Terra.

Subliñou que a día de hoxe “aos enxeñeiros agrícolas e forestais os van buscar á Universidade”, polo que, dixo, “ao mellor é máis importante promocionar as universidades e os títulos universitarios”.  Criticou que se lles “enche a boca de apostar polo medio rural, o medio ambiente e o forestal, pero necesitamos profesionais que fagan ese traballo no territorio”.

0.091483116149902