O Parlamento pide velar polo cumprimento da normativa da planta de Coeses

LugoXa
O Parlamento de Galicia aprobou a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do BNG
parlamento-de-galicia
12 Xul 2024

O Parlamento de Galicia aprobou a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do BNG, a través da que se insta á Xunta e ao resto das administracións implicadas a velar polo estrito cumprimento da normativa de aplicación no proxecto da planta de xestión de residuos orgánicos e biometanización que prevé emprazarse na parroquia lucense de Coeses, prestando especial atención as garantías de carácter medioambiental. Ademais, pídese que estuden as alegacións presentadas e, conforme á lei, sexan atendidas e tidas en conta.

A deputada popular Encarna Amigo lamentou que o BNG “rachara no Parlamento galego a unanimidade existente no Concello de Lugo respecto da tramitación desta planta de xestión de residuos orgánicos e biometanización, amosando unha vez máis a incoherencia co que defenden a nivel municipal e autonómico e, o que é máis preocupante, mirando máis polos seus intereses propios que polo dos veciños afectados”.

“Todos estamos de acordo en impulsar proxectos que aporten riqueza e emprego no municipio de Lugo, pero tendo moi presente que hai que garantir o cumprimento máis estrito da normativa e, de xeito especial, a relativa ao impacto ambiental, sinalou Encarna Amigo. Deste xeito, o acordo aprobado hoxe no Parlamento galego, sen o respaldo do BNG a pesar de que reproduce o aprobado no Pleno municipal de Lugo, incide en instar á Xunta, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Goberno central, Concello de Lugo e Deputación Provincial a que velen porque todos os proxectos que se prevea desenvolver no municipio lucense garantan un estrito cumprimento legal e ambiental.

Na súa intervención, a deputada popular referiuse en concreto a posibles afeccións á atmosfera e á saúde do proxecto da planta de Coeses derivadas das emisións de gases contaminantes e cheiros; de vertidos líquidos ao regato de Vilalbite e ao río Miño; dos recursos naturais utilizados durante o proceso, como o consumo de 30.000 metros cúbicos anuais de auga; das incompatibilidades do biometano obtido coas características e condicións da rede de transporte á que se quere inxectar; do control dos olores na descarga da materia prima; ou das dificultades para o tratamento e a eliminación dos lodos procedentes dos bioreactores e doutros residuos menores procedentes do filtrado.

Encarna Amigo incidiu que “se hai unha administración que debe liderar o cambio de localización desta planta e buscar o consenso é, sen dúbida, a que se atopa máis próxima ao cidadán: o Concello”. Así, dirixíndose aos grupos da oposición sinalou que “parecen esquecer que a administración local é unha das tres que ten que intervir no procedemento e é a quen lle corresponde avaliar a idoneidade do emprazamento, con exclusiva competencia sobre o outorgamento da licenza e as condicións urbanísticas”.

0.13554501533508