O parque da Milagrosa acolle un espectáculo de clown este mércores
O parque da Milagrosa acollerá este mércores, a partir das 18:00 horas, un espectáculo de clown enmarcado na programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico. A actuación familiar, baixo o título Nougat, correrá a cargo do artista portugués Dani Gonçalves. Mentres que o xoves, no barrio da Chanca, haberá música en directo co concerto da banda Superglú, ás 21:00 horas.
O executivo municipal promove este mes de agosto concertos en directo e espectáculos circenses todas as tardes dos mércores e xoves no marco da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico. Deste xeito, os mércores o circo é o protagonista en diversas prazas e zonas da capital; mentres que os xoves o barrio da Chanca acolle música en vivo de diferentes artistas galegos e portugueses.
Todas as citas son totalmente gratuítas e abertas ao público. “Queremos ofrecer a lucenses e visitantes unha oferta lúdica e de lecer ampla e variada neste verán, ao tempo que achegamos toda a riqueza cultural de Galicia e Portugal”, lembrou Lara Méndez, quen apuntou que “este ano conmemoramos o 150 aniversario da construción do viaduto da Chanca e que mellor forma de facelo que concentrando neste barrio boa parte das actividades para convidar á cidadanía a visitalo, tendo como reclamo o atractivo destas actuacións”.
Toda a información sobre o calendario de actividades de agosto e o resto da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico, como datas ou horarios, pode atoparse na páxina web www.lugocapitaldacultura.com.