O parque do Sagrado Corazón será transformado nun gran espazo natural de multiaventura
O parque do Sagrado Corazón será un gran espazo natural de multiaventura. “Será un punto de encontro pensado para as familias na súa totalidade e que reunirá, nunha mesma localización áreas de descanso, con lugares de sombra e merendeiro, xogos para as e os máis pequenos, un parque infantil, unha pista de patinaxe e outra multideporte – que irá pechada para evitar a perda de balóns - así como numerosas actividades de aventura para todas as idades que circundarán a zona como eixe vertebrador”, avanzou a rexedora.
“A nosa vontade é crear un novo espazo de lecer aberto e integrador que favoreza a convivencia en harmonía coa contorna tan privilexiada da que goza este enclave da cidade, ao pé do río Rato. Precisamente, a identidade propia que terá este novo parque servirá, igualmente, para incrementar a súa funcionalidade dende un punto de vista inclusivo, xa que a nosa pretensión é fomentar un uso interxeracional desta nova dotación ante a multitude de propostas de ocio e descanso que aglutina”, afirmou Lara Méndez.
Este novo parque multiaventura será un gran reclamo para toda a cidade e combinará, na liña do que o Executivo local está a facer no resto de barrios e contornas da cidade, conceptos como a accesibilidade e a sostibilidade que son dúas premisas transversais na súa acción política.
“Nese sentido, cómpre destacar o deseño do recinto que non só será respectuoso co ámbito natural que rodea as instalacións, senón que, de maneira consciente, o reforzará mediante a utilización de mobiliario urbano acorde, esteticamente, á imaxe da zona aínda que igualmente funcional para sacarlle o máximo proveito”, subliñou a alcaldesa.
Nominativamente, todos os elementos serán de madeira e opropio chan será un elemento lúdico máis que, con deseños vistosos e coloridos, predispoña á imaxinación e permita ás crianzas crear un fío argumental entre as actividades que teñen ao seu alcance e que, “dun xeito armonioso, permitirá conectar espazos entre sí tan diferentes como pode ser un circuíto de multiaventura e unha cancha deportiva, cunha estancia para o acougo que fomente a socialización entre adultos, ou unha zona lúdica para bebés, onde nenos e nenas exerciten habilidades físicas e estimulen o equilibrio, a percepción do espazo e a concentración”, engadiu Méndez.
A rexedora aproveitou a súa exposición para poñer en valor o traballo que o Concello está a desenvolver para mellorar os espazos públicos da capital, para que sexan modernos e innovadores.
“Para nós é moi importante tamén dotar cada un destes espazos dunha identidade propia e diferenciada, acorde coa idiosincrasia de cada barrio, estudando e aplicando novos conceptos urbanísticos e paisaxísticos que redundarán, sen ningunha dúbida, nunha maior calidade de vida da cidadanía: a nosa principal prioridade na transformación de Lugo, especialmente dende a chegada da pandemia”, sostivo.
“Así, no Campo Castelo teremos un ecoparque en pleno Centro Histórico, na Praza Roxa un pulmón verde que renaturalice o ámbito no que se atopa e desbote a configuración actual de espazos segregados para facer un concepto de parque moito máis aberto e, sobre todo, unha zona verde e, neste caso, no Sagrado Corazón, buscaremos aproveitar ao máximo a paraxe na que se atopa, de gran riqueza natural. Un punto da capital con elevada densidade residencial á que lle queremos ofrecer unha diversidade de alternativas de lecer, concentradas nun mesmo enclave, tan versátil que nos permite sacarlle partido de formas moi diversas e nas que procuraremos contemplar todos os gustos e necesidades que nos foi trasladando a veciñanza”, concluíu a mandataria lucense.
A intervención suporá un investimento municipal en torno aos 240.000 €.
Este parque multiaventura unirase á rexeneración integral que a concellería de Medio Ambiente fará, en colaboración coa Confederación Hidrográfica en toda a contorna fluvial, dende o nacemento do Rato nas Gándaras, incluíndo o seu afluente Fervedoira, e até a Tolda.
A este respecto, o edil responsable, Miguel Fernández, fixo fincapé en que “a conexión de todas esas intervencións coa actual trama de zonas verdes que alcanza o Sagrado Corazón, permitirá ás e aos lucenses camiñar polo ampliado cinto verde da cidade ata as propias fontes do río Rato, o humidal recuperado coa estratexia LIFE, ou visitar o arboretum. Actuacións que se complementan unhas con outras, que contribuirán a ennobrecer o cinto verde do municipio”, sinalou o tenente de alcaldesa.
Nos últimos meses o Executivo de Lara Méndez rehabilitou e mellorou os parques do Miño, Roi Xordo, Parga Cerezo, San Roque, Río Mandeo, Avenida das Américas, Augas Férreas, Rosalía de Castro ou Aquilino Iglesia Alvariño, entre outros nos que tamén se inclúen o de Novo Freire, de nova creación, e o do Castiñeiro, xa en licitación, ademais de manterse a planificación prevista para habilitar novos espazos en Paradai e Fontiñas, atendendo ás demandas que traslada a cidadanía.