O parque infantil de Montirón estará mañá a disposición da cidadanía

LugoXa
O parque infantil de Montirón, na praza San Xoán, que foi recentemente reformado estará mañá a disposición da cidadanía
27 Out 2022

A rexedora de Lugo, Lara Méndez e o tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, porán mañá a disposición da cidadanía o novo Parque de Montirón, recentemente reformado.

A alcaldesa convidou á veciñanza a compartir a apertura das instalacións, sitas na praza de San Xoan, cunha merenda saudable que terá lugar a partir das 18:00 horas e coa que se pretende complementar a reapertura do recinto, logo dun investimento de 46.400 euros co que o Executivo local procedeu á modernización desta dotación “moi empregada pola veciñanza da contorna como zona de encontro e de lecer”, sinalou Lara Méndez.

A alcaldesa puxo en valor o traballo que dende o Concello se está desenvolvendo para mellorar os parques públicos da capital “aos que queremos dotar dunha identidade propia e diferenciada, estudando e aplicando novos conceptos urbanísticos e paisaxísticos que redundarán, sen ningunha dúbida, nunha maior calidade de vida nos barrios: a nosa principal prioridade na transformación de Lugo, especialmente dende a chegada da pandemia”.

Pola súa banda, o tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, lembrou que os traballos realizados incluíron a reparación e adaptación dos xogos existentes, mediante o seu lixado, pintado, barnizado e a reposición de pezas deterioradas; a renovación completa do solo da área de xogos (252m²) na que se instalará pavimento de caucho en diversas cores, así como a substitución do valado de madeira existente, o que mellorará substancialmente, en conxunto, a súa confortabilidade.

“Instaláronse, ademais, dous novos elementos: un multixogo con torre e tellado - no que as crianzas gozarán de tobogán, rede de escalada, paneis lúdicos e mostradores, balcón e escaleira – e un columpio accesible, unha mellora considerable tendo en conta que mudou completamente a súa configuración, máis atractiva e integradora en tanto disporá de elementos novidosos e accesibles tamén para crianzas con diversidade funcional, tratando de pular pola inclusión ao tempo que se lle dá solución, igualmente, ás necesidades que, día a día, nos traslada a cidadanía”, destacou o edil.

Con esta intervención, o Goberno de Lara Méndez leva investidos máis de 700.000 euros nos parques infantís da cidade durante os últimos dous anos entre os que destacan o novo parque de Novo Freire, o ubicado entre as rúas Manuel María e Túnel de Oural, na Piringalla, a cubrición do de Augas Férreas ou as melloras que se executaron no de Rosalía de Castro, na zona recreativa de Aquilino Iglesia Alvariño, en San Roque, río Mandeo ou na Avenida das Américas.

0.19648408889771