O parque infantil do Castiñeiro contará con rocódromo e tirolina

LugoXa
A alcaldesa de Lugo presentou a obra do parque infantil do Castiñeiro que contará con rocódro e tirolina entre as novidades
Parque Castiñeiro presentacion
2 Feb 2023

Presentado o proxecto de renovación integral dos parques infantís sitos na praza do Castiñeiro, que se reunifican nun só gran parque para gañar superficie e que recolle as peticións que lle fixeron chegar os máis cativos e as súas familias a alcaldesa de Lugo, nas reunións que mantivo con eles, así como as solicitudes que trasladaron a través do programa de participación cidadá Dito e Feito.

“Tirolinas, rocódromos e redes de escalada son algunhas das solicitudes máis insistentes”, sostivo a rexedora, que apuntou que con esta actuación “atendemos a unha vella demanda da cidadanía para transformar estas zonas de xogos, que se atopan bastante degradadas e que quedaron pequenas para a cantidade de pequenos que os utilizan”, sostivo.

O custe desta obra, na que se investirán 365.000 euros e que sairá a licitación próximamente, incluirá, ademais dunha área para xogos máis ampla, un novo espazo humanizado con bancos e papeleiras para a estancia dos pais e avós, “co que queremos favorecer a convivencia interxeracional, para nós moi importante”. Complementará a actual superficie de picnic, que se manterá, ao igual que se manterá todo o arboledo para non perder as zonas de confort. En total, actuarase nunha área de 659 metros cadrados.

A alcaldesa, que estivo acompañada do tenente de alcaldesa e edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, avanzou que no deseño se tiveron en conta, ademais das peticións dos e das usuarias, que os xogos sexan inclusivos, que permitan a socialización e adaptados para nenos con distintas capacidades.

Tres serán os elementos de xogos principais, entre eles dúas torres diferenciadas por idades, unha para os pequenos de ata 5 anos e unha segunda pensada para o goce de ata 12 anos.

Multixogo para nenos de ata 12 anos de idade, de máis de 15,3 metros de lonxitude, 10 metros de anchura e unha altura que pode chegar os 6 metros. Poderá ser utilizado por un mínimo de 28 usuarios de maneira simultánea e segura. Disporá, entre outros elementos, de distintos tipos de tobogáns, formato tubo e tamén abertos, dun rocódromo de parede, dunha tirolina de alomenos 6 metros, túneles de redes de escalada, estruturas tubulares, rampas de acceso e barras tipo bombeiro.

A outra torre multixogo, de ata os 5 anos de idade, está pensada especialmente, aclarou Lara Méndez, “para o desenvolvemento da psicomotricidade e a comprensión didáctica dos e das usuarias”. Cunha lonxitude de 9,15 metros e unha altura de case tres metros, poderá ser utilizada por un mínimo de 20 persoas simultáneamente. Constará de, entre outros elementos, de tobogáns, paneis didáctico, redes de trepa, barras, escaleiras e xogos de psicomotricidade.

O terceiro elementos principal será un xogo escultórico, modular e poliédrico con 14 caras, pensado como un espazo e unha invitación para imaxinar, escalar, esconderse ou relaxarse. Cunha altura non superior a 2,8 metros, permite a súa utilización por 18 persoas ao mesmo tempo.

A alcaldesa destacou que tamén se incluirán elementos de abalo para uso individual, grupal e mesmo adaptado para o xogo inclusivo, así como asentos xiratorios con deseño especial para nenos con trastorno do espectro autista. “Trátase dun espazo pechado para se poida refuxiar cando se atope sobreestimulado. As texturas interiores están especialmente pensadas para unha exploración táctil instrutiva”, destacou.

Coa mellora deste parque, o executivo de Lara Méndez continúa coa ampliación de espazos de lecer pensados para os máis pequenos, ben creando novas áreas ou renovando as existentes. Onte mesmo, comezaron tamén as obras de renovación e ampliación do parque infantil de Roi Xordo.

0.21218204498291