O parque de Rosalía de Castro ampliará a súa iluminación

LugoXa
A obra, que suporá un investimento de 162.
parque rosalia castro lugo 8
22 Aug 2023

A obra, que suporá un investimento de 162.073 euros, será adxudicada a empresa Hallmann Energie S.L na Xunta de Goberno que se celebra mañá.

O Executivo de Lara Méndez contrata a mellora da iluminación do Parque de Rosalía con criterios de aforro enerxético e perspectiva de xénero. A obra, que suporá un investimento de 162.073 euros, será adxudicada a empresa Hallmann Energie S.L na Xunta de Goberno que se celebra mañá na casa consistorial. Así o anunciaba hoxe a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen enmarcou esta actuación dentro do programa Dusi-Muramiñae, cofinanciados ao 80% con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional.

“Co fin de avanzar na conservación e coidado deste enclave único da cidade, levaremos a cabo a renovación e adecuación da instalación existente. Os traballos inclúen a actualización de luminarias, canalizacións, centros de mando e demais compoñentes. O obxectivo é incrementar a eficiencia enerxética da iluminación pública nos espazos que dan servizo á pista de patinaxe, á caseta de xardinería, ao mapa, ao estanque e tamén nas propias Costas do Parque, entre outras localizacións”, avanzou Méndez.

Dentro da estratexia levada a cabo polo Goberno local para mellorar a eficiencia enerxética que permita ademais reducir o gasto do subministro eléctrico, o executivo aposta nesta intervención por luminarias dotadas con tecnoloxía LED, que necesitan menos da metade de potencia que as actuais para producir o mesmo fluxo luminoso. “Isto nos permitirá acadar un mellor rendemento da instalación, aumentando a súa eficiencia pero tamén a calidade medio ambiental, así como a seguridade viaria e cidadá mentres que reducimos o consumo eléctrico e a contaminación que este orixina, diminuímos as emisións de dióxido de carbono e tamén os custos de mantemento que, polo tanto, será máis sinxelo”, engadiu a alcaldesa.

Ademais, dentro da estratexia Smart City, implantarase en cada un dos centros de mando a actuar unha plataforma de xestión intelixente co fin de monitorizar o consumo de enerxía, medindo factores como voltaxe en cada fase, intensidade, frecuencia eléctrica, potencia ou enerxía activa e reactiva acumulada, detección de conexións ilícitas ou problemas de subministración. Datos que serán enviados á plataforma de xestión municipal para analizar o seu funcionamento e como información relevante na posterior toma de decisións en prol do aforro.

“Entre os obxectivos desta intervención está poñer en valor emprazamentos singulares do Parque, considerado unha contorna de protección patrimonial, de xeito que conviden ao uso cidadán do espazo público e revertan directamente nunha maior seguridade dende a perspectiva de xénero, xa que se colocarán tamén novos puntos de reforzo para evitar zonas consideradas escuras”, explicou a rexedora. “As localizacións actuais, iso si, respectaranse de forma que, tras a limpeza das columnas e brazos existentes, cun alto valor decorativo e que pretendemos conservar, levarase a cabo a súa restauración correspondente, substituíndo a tecnoloxía de iluminación antiga por outra máis moderna e eficiente”, proseguiu Méndez. Así mesmo, na parte inferior das Costas do parque, na confluencia coa zona de aparcadoiro de caravanas e o Pazo Municipal dos Deportes, retiraranse as luminarias tipo viario sobre postes de madeira e instalaranse novas columnas e puntos de luz acordes ao resto da contorna.

Traballos coordinados para evitar a falta de alumeado en horario nocturno

Tanto os labores de subministración como de colocación dos novos equipos realizarase de forma coordinada coa retirada das instalacións existentes, de forma que atenda a zonas completas en período diúrno ao obxecto de non deixar a instalación sen funcionar en período nocturno en ningún momento. Igualmente, co fin de evitar actos vandálicos nos centros de mando, estes irán protexidos fronte á manipulación de persoas alleas.

0.18041396141052