O Partido Popular de Lugo abandona o salón de plenos no último pleno do ano

LugoXa
Din que 15 minutos antes de iniciar a sesión, a alcaldesa informou, nunha xunta de voceiros, que incorporaban á sesión do pleno un novo recoñecemento de crédito de 35 facturas por 150.000 euros
O-PP-vaise-do-pleno-municipal
30 Dec 2024

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Lugo abandonaron o salón de plenos durante o pleno ordinario de decembro en sinal de desacordo coa forma de actuar do goberno local.

Só 15 minutos antes de iniciar a sesión, a alcaldesa informou, nunha xunta de voceiros, que incorporaban á sesión do pleno un novo recoñecemento de crédito de 35 facturas por un importe de 150.000 euros. "Esta forma de proceder é inadmisible e reflicte unha preocupante falta de transparencia que lamentablemente se converteu na norma neste Concello", denuncian.

Ademais, din que en 2024 aprobaron 31 recoñecementos por un importe total de 4,6 millóns de euros, dos cales 3,7 millóns contan con reparos de legalidade e "pretenden culpar dos atrasos nos pagamentos aos provedores, dicindo que presentan tarde as facturas, pero son un goberno incapaz de xestionar de forma eficiente e dentro da legalidade".

PROPOSTAS POPULARES

No pleno, os populares traían a debate demandas en propostas da cidadanía, "porque estamos convencidos de que a mellor política é a que se constrúe da man da xente".

Por iso, no pleno ían defender a rebaixa no imposto de rodaxe, "porque o que están pagando os lucenses é dos máis altos da provincia e precisamos aliviar esa carga".

Ademais, esixen que o Concello poña de inmediato á disposición da Xunta a parcela do antigo colexio do Sagrado Corazón, necesaria para construír un novo centro de saúde que mellorará a atención sanitaria na zona.

Tamén cren importante dar un impulso ao pequeno comercio, xa que, din "é a segunda campaña de Nadal na que se vén afectados pola planificación e os retrasos das obras de peonalización do casco histórico".

E, por último, propoñen un convenio para abrir as instalacións deportivas dos colexios fóra do horario lectivo, garantindo un mellor uso destas infraestruturas para beneficio da comunidade deportiva.

Con respecto ao apartado das preguntas, cuestionarán en que punto está a cesión de terreos na contorna do campo de fútbol de As Gándaras para crear un aparcadoiro, ou por que segue sen haber iluminación na rotonda de Nadela, un punto crítico para a seguridade viaria.

"Tamén esiximos explicacións polo atraso nas bases de axudas para as entidades sociais e polos incumprimentos no ámbito deportivo, como a promesa de licitar o proxecto do novo pavillón antes de final de ano".

Do apartado de rogos, destacarían a petición para que se dea cumprimento ao acordo plenario unánime de setembro, no que se aprobou a apertura dos aparcadoiros do IES Virxe dos Ollos Grandes e do IES Lucus Augusti en horario de tarde.

0.16969203948975