O Partido Popular de Lugo critica o Plan Novo Norte

LugoXa
"O barrio da Milagrosa leva desde 2011 escoitando as mesmas promesas de rehabilitación, pero os plans nunca se concretan. O único que cambia son as datas e os titulares", lamentou Cabarcos
ramon-cabarcos-pp-lugo
14 Feb 2025

O Partido Popular de Lugo amosou a súa oposición ao proxecto para a zona norte da cidade, ao asegurar que se repiten os mesmos erros do proxecto Corazón Verde: "fíxose sen contar coa participación da corporación nin da veciñanza, que só son informados cando o plan xa está feito", criticaron.

Desde o Grupo Popular solicitaron acceso ao expediente do proxecto, subliñando que, aínda que sempre aplauden a chegada de investimentos a Lugo, é fundamental priorizar. "O problema é que os gobernos do PSOE e BNG levan anos despilfarrando en proxectos sen utilidade real nin valor engadido para a cidadanía", afirmou o viceportavoz Ramón Cabarcos.

Cabarcos destacou as "curiosidades" do Plan Novo Norte, sinalando a falta de materialización dos anuncios previos, especialmente no barrio da Milagrosa. "Este barrio leva desde 2011 escoitando as mesmas promesas de rehabilitación, pero os plans nunca se concretan. O único que cambia son as datas e os titulares", lamentou Cabarcos, que subliñou que as solucións seguen sen chegar.

O goberno local tamén foi criticado por presumir dunha financiación europea que aínda non está asegurada e prometer completar eses fondos con 8 millóns de euros de recursos propios, algo que os populares consideran insostible.

Según Cabarcos, "xa vimos como acaban estes plans", recordando o caso do Cuartel de San Fernando, que acabou sen un só euro dos fondos prometidos, igual que ocorreu coas axudas dos PERTEs para a mellora da xestión da auga.

Promesas "absurdas" e gastos "innecesarios"

O Partido Popular tamén criticou algunhas das iniciativas do Plan Novo Norte, como o anuncio dun tren eléctrico para “dinamizar o turismo, o comercio e a hostalería”, cualificando a proposta como un "episodio cómico" máis que un proxecto serio para Lugo. En lugar de "atraccións fóra de tempada", o grupo pide solucións reais para a seguridade, a mobilidade e o aparcamento na cidade.

Outras iniciativas como os "hortos urbanos VIP", con unha inversión de 700.000 euros en 74 hortos urbanos, e a creación de zonas cubertas para peóns, tamén foron cualificadas como promesas de luxo e exemplo de como o Plan Novo Norte prioriza gastos superfluos por encima das necesidades reais da cidade.

Cabarcos tamén sinalou a incoherencia entre o PSOE e o BNG, citando o caso dos sensores de aparcamento. En 2020, o goberno local gastou 267.000 euros en sensores para 200 prazas de estacionamento, pero nunca chegaron a funcionar. Agora, prométeno de novo nunha zona máis ampla e de maior dificultade para o control.

Por outro lado, o PP lembrou que, en 2007, investíronse 117.600 euros no préstamo de bicicletas eléctricas Rebicíclate, que foi suprimido en 2011 “temporalmente” e nunca máis se soubo del, deixando bases abandonadas por toda a cidade.

O Partido Popular tamén criticou o plan de humanización da Avenida da Coruña, que pretende convertela nun bulevar con carril bici, pero sen ofrecer alternativas axeitadas de aparcamento. Segundo Cabarcos, "en Lugo, a mobilidade sostible non se consegue eliminando aparcadoiros sen máis, senón cunha circulación fluída e opcións cómodas para os vehículos". Para os populares, "facer cidade é planificar con sentido, non improvisar".

Finalmente, o PP tamén sinalou a falta de resultados cos proxectos tecnolóxicos previstos, como unha nova app municipal, colectores intelixentes ou placas solares, que seguen sen materializarse, mentres o goberno local segue anunciando plans sen cumprir os seus compromisos previos.

0.16365885734558