O Partido Popular de Lugo demanda unha aclaración inmediata da situación de MUFACE

O Partido Popular de Lugo demanda unha aclaración inmediata da situación na que se atopa a Mutualidad General de Funcionarios de la Administración Civil del Estado (MUFACE).
Segundo manifestou o portavoz provincial do PP, Antonio Ameijide, “é imprescindible atopar unha solución a longo prazo que ofreza cobertura, certeza e seguridade ao millón e medio de funcionarios acollidos a este sistema mutualista”.
Na provincia de Lugo, preto de 8.000 usuarios enfróntanse "á incerteza de non saber se dispoñerán de cobertura sanitaria a partir do 31 de xaneiro debido á falta de decisións claras sobre o futuro de MUFACE", explicou Ameijide.
Precisamente, o sindicato maioritario de funcionarios, CSIF, organizou unha concentración en Lugo para esixir melloras e reclamar unha solución á situación creada polo Goberno.
Os deputados provinciais do PP manifestaron o seu apoio ás reivindicacións dos afectados e comprométense a presentar no próximo pleno unha iniciativa para esixir ao Goberno de Sánchez máis transparencia sobre os procedementos seguidos na nova licitación do concerto de xestión de MUFACE.
Así mesmo, solicitan que se adopten as medidas necesarias para garantir a plena asistencia sanitaria aos mutualistas mediante a licitación urxente do concerto, evitando ademais que esta situación afecte negativamente os sistemas públicos de saúde das distintas comunidades autónomas.
Ameijide sinala que as principais aseguradoras rexeitaron participar na licitación debido ao infrafinanciamento por parte do Goberno central, que mesmo elaborou un informe no que se concluía que o modelo actual non é sostible e suxeríase transferir os usuarios á sanidade pública.
“Esta postura coincide coa histórica reivindicación da ministra de Sanidade (Sumar), que agora contrasta co anuncio do ministro de Función Pública (PSOE) sobre unha nova oferta cun incremento do 40% en tres anos”, engadiu Ameijide.
O portavoz popular advertiu que, de non tomarse medidas, os usuarios poderían quedar sen prestación sanitaria, provocando o colapso do sistema público de saúde ao verse obrigado a asumir un notable incremento da demanda asistencial sen unha planificación adecuada.
“É urxente que o Goberno de España actúe de inmediato, licite o concerto sen demora e adopte as previsións necesarias para garantir a atención sanitaria a estes mutualistas, mesmo no caso de que non se presenten ofertas suficientes”, conclúe Ameijide.