O Partido Popular denuncia o asfalto derretido na estrada LU-P-1201 de Castroverde

O Grupo do Partido Popular na Deputación Provincial preguntará no vindeiro Pleno que ten previsto facer o goberno coa estrada provincial LU-P-1201, que en Castroverde presenta un problema grave: o asfalto está a derretirse co sol.
O voceiro provincial, Antonio Ameijide, manifestou a súa preocupación e cuestiona se o presidente da Deputación, José Tomé, e o alcalde e deputado provincial, José María Arias, van seguir permitindo esta “chapuza” ou tomarán medidas para que os veciños e veciñas non se vexan afectados ao circular a pé ou en coche por esta vía.
O PP xa denunciara esta mesma situación o ano pasado, poucos días despois dunha renovación do firme, pero o problema volve repetirse "porque o goberno provincial aínda non adoptou ningún tipo de solución".
Segundo o voceiro, basta camiñar pola estrada para ver como o asfalto queda pegado nas solas dos zapatos e nas rodas dos vehículos.
Por iso, urxe unha actuación inmediata de mantemento e mellora para garantir a seguridade dos usuarios e o correcto estado da vía. Ademais, coa chegada do calor, o problema intensifícase e o asfalto derretido poderá provocar a formación de novas fochancas nas próximas semanas, aumentando o risco para a seguridade viaria.