O Partido Popular pide o arranxo da pasarela peonil na N-VI en Conturiz
Dende o Partido Popular piden "o arranxo das deficiencias da pasarela peonil sobre a N-VI" xa que é "unha infraestrutura moi empregada polos veciños nos seus paseos diarios pola parroquia para cruzar esta estrada".
Antonio Ameijide sinala que "esta infraestrutura precisa dunhas obras urxentes de mantemento xa que presenta eivas importantes que dificultan moito a accesibilidade como fendas no pavimento, afundimentos, vexetación e perdeu practicamente toda a pintura antideslizante".
Segundo declaran dende o Partido Popular "acudimos a ver esta pasarela trala chamada dos veciños e queda claro que precisa dunha actuación urxente, polo que pedimos ao goberno de Lara Méndez que reclame de inmediato ao Ministerio o seu arranxo”, explicou.
Ademais para este grupo municipal é precisa tamén unha actuación "na pista Camiño de Vilar, que dá acceso a unha trintena de vivendas e a varios negocios, así como a áreas recreativas do Miño e a instalacións deportivas con alta afluencia de persoas" e que según o PP "actualmente está chea de fochancas, sobre todo na súa parte inicial, polo que o Concello de Lugo debería de actuar de inmediato para garantir a seguridade e evitar danos nos vehículos que circulan por ela”.