O Partido Popular súmase ao apoio ao sector do taxi en Lugo

LugoXa
Desde o Partido Popular destacan que o taxi é “un servizo fundamental na provincia, sobre todo nas zonas rurais”
PP-taxistas
31 Jan 2025

O PP mantivo  un encontro co presidente da Asociación Provincial de Taxistas, Jesús Rodríguez, e o responsable de Radio Taxi en Lugo, Ovidio Aira, ademais doutros compañeiros do sector.

Os representantes do Partido Popular na provincia de Lugo, a presidenta provincial e portavoz do Grupo Municipal Popular, Elena Candia, xunto cos senadores do PP lucense José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, así como o voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, quixeron atender ás demandas dos profesionais do taxi para coñecer de primeira man a súa realidade.

Os populares lucenses esixen ao Goberno de Sánchez que “garanta a protección do sector” no seu vínculo coas compañías aseguradoras. Por este motivo, os representantes do PP comprométense a presentar propostas nas diferentes cámaras en defensa dos taxistas.

Desde o Partido Popular destacan que o taxi é “un servizo fundamental na provincia, sobre todo nas zonas rurais”, onde, ademais do transporte, tamén realizan “un labor de acompañamento”.

O elevado prezo dos seguros, sumado a outros gastos, provoca que os taxistas dos concellos máis pequenos sexan os máis prexudicados, xa que “a súa capacidade para xerar ingresos é moi distinta á dos profesionais que traballan en cidades”.

Sobre esta problemática, os senadores do PP lucense xa presentaron esta semana unha pregunta formal ao Goberno central para que aclare se ten previsto implementar algunha medida que contribúa a paliar esta suba dos seguros, como xa anunciou a Xunta de Galicia.

APOIOS DA XUNTA

Os populares lembraron que “a Xunta está a ultimar unha nova convocatoria de axudas cun orzamento de 1 millón de euros, destinada a facilitarlles aos taxistas o pagamento dos seus seguros”.

O obxectivo desta medida é fomentar a incorporación de traballadores asalariados ao sector, permitindo ampliar as quendas de traballo e, en consecuencia, aumentar a dispoñibilidade de taxis.

Ademais, ata o 14 de outubro permanece aberto o prazo para solicitar axudas de ata 10.000 euros para a compra de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida, taxis ecolóxicos ou coches de emisións cero.

Na provincia hai aproximadamente 450 profesionais do taxi, dos cales 69 traballan na cidade de Lugo. Os afectados explican que existen casos nos que o custo da póliza dun taxi supera os 8.000 euros, e en moitas ocasións vense obrigados a contratar seguros adicionais para garantir unha cobertura adecuada.

0.17125296592712