O Partido Popular volve denunciar as esperas para conseguir citas para trámites básicos no Concello de Lugo
O Partido Popular volve denunciar "as esperas de ata 15 días para conseguir citas para trámites básicos no Concello de Lugo". Os populares declaran que "hai servizos, como o de augas, no que xa non hai citas dispoñibles durante todo o mes de marzo o que supón un claro impedimento para que os lucenses realicen as súas xestións"
A concelleira popular Sagrario Sánchez explica que "o espazo dunha hora diaria que habilitou Lara Méndez para ser atendido sen cita non é suficiente como así o demostran as ringleiras de veciños que nos últimos días se concentran no edificio administrativo"
A popular pide ao goberno local que "se aclaren xa que mentres o BNG afirma que nas súas áreas non é preciso pedir cita previa, algo que se desmentiu esta mesma mañá solicitando cita previa para cambiar o padrón, Lara Méndez decide establecer unha hora de atención sen cita"
Os populares defenderán no pleno "unha iniciativa para que o Concello de Lugo permita aos lucenses realizar trámites nas dependencias municipais en todo o horario de apertura sen necesidade de concertar cita previa con anterioridade"