O paso inferior da N-VI, rematado a finais de xuño

LugoXa
Lara Méndez supervisa as obras do novo paso inferior da N-VI, que avanza coa colocación das vigas sobre as que se executará o taboleiro
PAso inferior N VI
25 Maio 2022

Avanzan as obras do novo paso inferior baixo a Nacional VI. Así o comprobaron hoxe a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández. Ao longo do día de hoxe, colocaron as vigas sobre as que se executará a laxa do taboleiro.

Deste xeito, segundo explico a rexedora “a previsión é que de cara a finais do mes que vén se poida restablecer o tráfico pola nacional, no seu traxecto habitual, e suprimir así o desvío que se habilitou provisionalmente”.

Actualmente, xa se executaron os dous estribos, encheuse o trasdós dos dous muros con material seleccionado e formigonáronse as vigas cargadeiro. Sobre o novo taboleiro nos vindeiros días esparcirase material para a formación da chaira da estrada nacional, de modo que se poida habilitar o tráfico por encima da nova estrutura.

Finalmente, executaranse as sendas peonís, repoñerase a iluminación e servizos na N-VI e tamén se reporá o valado, que se levará a cabo coa mesma tipoloxía de peche que o existente, consistente en malla de simple torsión sobre pés dereitos separados 4m entre si.

A renovación e ampliación do paso subterráneo baixo a N-VI enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, da Muralla ao Miño, financiada ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e cuxo principal obxectivo é integrar o Miño na cidade, a través da zona do Carme e conseguir, deste xeito, unha cidade máis verde, sostible e moderna.

0.040529012680054