O Pazo contará cun parqué con máxima certificación
Efrén Castro reuniuse cos representantes dos clubs para explicar as tarefas a desenvolver nas próximas cinco semanas.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo completará a renovación do Anexo coa instalación do novo pavimento, un parqué coa máxima certificación da FIBA que garantirá as mellores condicións para os 60 equipos de base que adestran e xogan nas instalacións.
O vicepresidente da Deputación e deputado de Deportes Efrén Castro mantivo este luns unha reunión con representantes de Estudiantes, Ensino, Franciscanos, Cidade de Lugo, Sagrado Corazón e Maristas para explicar as tarefas a desenvolver nas próximas cinco semanas.
A renovación do pavimento completará as tarefas desenvolvidas nos últimos meses, centrados na impermeabilización do edificio. Aabilitaronse aliviadeiros nos canlóns exteriores e estruturas interiores de reforzo, para evitar filtracións de auga que poidan deteriorar o novo pavimento. Tamén se realizaron traballos nas paredes interiores, coa retirada dos paneis de madeira e o pintado dos muros.
A instalación conta tamén cunha iluminación completamente renovada, tras a substitución das antigas luminarias por 48 proxectores LED que reducen o consumo eléctrico da instalación nun 60 por cento.
Efrén Castro sinalou que “a instalación do parqué suporá unha mellora completa e definitiva para unhas instalacións que viñan arrastrando deficiencias e que son fundamentais para o baloncesto base lucense, xa que o Anexo acolle os adestramentos e partidos da gran maioría dos equipos da cidade”.
As obras de renovación da instalación, que comezaron o pasado mes de xullo, supoñen un investimento de 320.000 euros.
PARTIDO POPULAR
"Os afeccionados do Pazo Provincial dos Deportes xa están cansos das reiteradas promesas incumpridas por parte do goberno da Deputación de Lugo e onte, antes da final da Copa Galicia de Baloncesto, pediron a dimisión de Efrén Castro, vicepresidente provincial e responsable da área de Deportes", explica o voceiro popular na entidade pública, Antonio Ameijide.
Explica que tanto o Grupo Provincial do PP como os afeccionados lucenses levan anos demandando un correcto mantemento do Pazo dos Deportes e dos anexos, situación que non se deu “de aí as deficiencias e necesidades existentes nestas instalacións.
Urxen polo tanto obras de instalación das cadeiras que a ACB esixe ter no pavillón, goteiras, climatización, arranxo das deficiencias do aparcadoiro, problemas de humidades e goteiras nos anexos, dotar de vestiarios aos anexos para que os usuarios poidan dispoñer deste servizo ou que accedan aos do Pazo para mudarse de roupa e asearse despois de adestramentos ou competicións.
Antonio Ameijide afirma que o vicepresidente non pode escudarse “nos prazos das tramitacións legais” porque a realidade “é que levan anos mirando cara outro lado, sen facer nada e agora poñen escusas de mal pagador”.
Dende o Grupo Provincial Popular realizaranse preguntas no vindeiro pleno para coñecer os motivos dos atrasos nas obras, “que semellan inxustificados”, e que poden carrexar multas económicas para o Breogán e os outros clubs que tamén empregan esta instalación para disputar os seus encontros oficiais.