O pazo de Dona Urraca e dous inmobles da rúa Catedral novos proxectos de rehabilitación
A Xunta de Galicia deu o seu visto bo ao convenio co Concello de Lugo para a recuperación e posta en valor do pazo de Dona Urraca e a mellora do seu contorno mediante a ordenación da Unidade de Intervención 8 do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do caso histórico de Lugo.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que "o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) estudou e acepta o borrador remitido polo Goberno local o pasado 21 de outubro". Neste sentido, lembra que "a primeira versión do convenio foi enviada polo IGVS ao Concello o pasado mes de febreiro, e a resposta municipal chegou hai pouco máis de dúas semanas, en vésperas da reunión da alcaldesa co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, incluíndo algunhas modificacións puntuais".
O órgano autonómico, que depende da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, “valorou a proposta con axilidade e coa mellor disposición, dado que consideramos que o proxecto xa acumulou suficiente demora durante estes oito meses”, afirmou o delegado. Ao respecto, solicita que o Concello inicie canto antes os trámites oportunos para proceder á aprobación definitiva e á sinatura do convenio.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda tamén vén de adxudicar o contrato de redacción do proxecto e dirección de obra para rehabilitar os inmobles situados nos números 18 e 22 da rúa Catedral, no barrio lucense da Tinería, actuación á que destina un investimento de 28.500 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que o prazo para presentar o proxecto é de tres meses. Unha vez aprobado o deseño, procederase a licitar as obras, para as que se estima unha duración aproximada dun ano. Os edificios pasarán a formar parte do parque de vivendas de promoción pública que xestiona na cidade o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), organismo que investiu 84.117 euros na compra destas dúas casas.
“Seguimos dando pasos na rexeneración urbana e a revitalización do casco antigo, atraendo poboación e servizos ao barrio”, apuntou Arias. Neste sentido, insistiu en que “o compromiso da Xunta coa Tinería é firme e demóstrase na acción continuada que desenvolvemos, nos distintos proxectos en marcha, que refutan calquera intento de ocultación por moito que se empeñen algúns en negalos”.
Os edificios da rúa Catedral foron adquiridos pola Consellería na oferta de compra lanzada ao abeiro do programa Rexurbe, mediante o que pasaron a mans públicas inmobles que estaban abandonados ou en estado de semiabandono en cascos históricos de diversas vilas e cidades galegas. Tal é o caso destas antigas vivendas, xa que nunha delas apenas queda en pé a primeira planta e a outra só conta coa estrutura exterior, tamén moi deteriorada.