O Pazo de Feiras de Lugo acolle o XXIII Día do Veciño cunha xornada de convivencia e actividades

Este domingo, 19 de outubro, o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo converterase no epicentro da vida comunitaria coa celebración do XXIII Día do Veciño, unha cita organizada pola Federación de Asociacións Veciñais de Lugo que busca poñer en valor a forza da veciñanza e o espírito colaborativo.
O lema deste ano, “Deixar de loitar é deixar de soñar”, resume o espírito desta celebración, que aposta pola unión e o esforzo colectivo baixo a mensaxe final: “Nunca deixes de loitar! Non nos rendiremos nunca!”.
O evento, que foi presentado diante do Pazo de San Marcos, amenizado por unha banda de música tradicional e arroupada por preto de medio cento de membros do colectivo organizador; abrirá unha ampla mostra de artesanía e produtos do campo, xunto cunha exposición das actividades das distintas asociacións veciñais da cidade. Un dos momentos máis destacados da xornada será a comida veciñal, que servirá como punto de encontro entre os participantes, mentres que pola tarde terá lugar a entrega das coñecidas distincións “V do Veciño”, coas que se recoñece o compromiso e labor social de persoas e colectivos da cidade.
A cita, conta un ano máis cunha achega da Deputación de Lugo de 18.000 euros e está previsto que reúna no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo a uns 5.000 veciños e veciñas da provincia.
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, destacou a importancia do Día do Veciño como unha cita que “xa forma parte da identidade da provincia” e puxo en valor que o territorio estea cheo “de xente comprometida; de persoas que cren que mellorar o lugar onde viven tamén é mellorar a provincia enteira”. Neste sentido, subliñou que “o movemento veciñal é, sen dúbida, unha das grandes fortalezas da provincia”.
Rivera Capón sinalou tamén que “o Día do Veciño é unha festa de convivencia, un espazo onde todos e todas somos iguais, sen diferenzas entre o rural e a cidade, entre xeracións ou ideoloxías”. Para o deputado, o espírito veciñal “inspira o traballo da Deputación de Lugo: defender os dereitos de todas as persoas, garantir os servizos públicos de calidade e apostar por un rural vivo, con oportunidades e con futuro”.
22 V DE VECIÑO
No marco do Día do Veciño 2025 farase entrega das 22 V de Veciño, uns galardóns cos que a Federación de Asociacións de Veciños recoñece o labor de persoas e entidades que destacan por contribuír á dinamización e promoción das súas comarcas e, polo tanto, da provincia. Entre os galardoados deste ano figuran representantes do ámbito veciñal, profesional e institucional, como Roberto García González, secretario xeral de Unións Agrarias; Jaime Luis López Vázquez, secretario xeral da Confederación de Empresarios e presidente da Cámara de Comercio de Lugo; María Luisa López Díaz, secretaria da Asociación de Veciños de San Lázaro; ou José Rodríguez Rodríguez, veciño de Galegos, entre outros. Tamén recibirán este recoñecemento asociacións como a Asociación Vecinal Santa Eufemia de Lemos (Monforte de Lemos) e colectivos como os Bombeiros Forestais ou o GAC – Grupo de Axuda a Carmen.
PROGRAMA
A xornada comezará ás 10:00 horas coa inauguración da Exposición de Artesanía e Produtos do campo. Será un espazo dedicado a poñer en valor o traballo artesanal e os produtos locais, destacando a riqueza e a creatividade do rural lucense.
Pouco despois, ás 10:30 horas, terá lugar a inauguración da Exposición sobre as Actividades do ano 2025 da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, unha mostra que recollerá o labor desenvolvido polas diferentes asociacións veciñais ao longo do ano, amosando proxectos, iniciativas e logros conseguidos.
Ás 11:30 horas celebrarase un partido de fútbol amistoso que reunirá a xornalistas, políticos e veciños, nun ambiente distendido e festivo, co obxectivo de fomentar a convivencia e a colaboración entre todos os sectores da sociedade.
A música tradicional será protagonista ás 12:30 horas, coa actuación dun grupo de música popular galega, que animará o recinto e fará gozar ao público coas melodías e ritmos da nosa terra.
Xa ao mediodía, ás 13:00 horas, poderase desfrutar dunha exhibición de baile, que amosará diferentes estilos e coreografías, poñendo en valor o talento e a participación das agrupacións locais.
A continuación, ás 14:00 horas, celebrarase a tradicional Comida Veciñal, un momento de confraternización no que compartir mesa e conversa, símbolo da unión e forza da veciñanza lucense.
Finalmente, ás 16:00 horas, pecharase o programa coa presentación da mesa presidencial e a entrega das “V” do Veciño, recoñecementos que premian o compromiso, a solidariedade e o traballo pola comunidade.
Desde a organización lembran que o acceso ao recinto estará limitado exclusivamente ás persoas previamente inscritas nas súas asociacións veciñais, polo que non se permitirá o acceso libre o propio día do evento.