O Pazo de Feiras de Lugo ofrecerá en febreiro dúas propostas de lecer familiar

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo converterase durante o mes de febreiro nun punto de referencia para o lecer familiar coa celebración de dúas propostas diferenciadas que combinan divulgación, entretemento e actividade física. Trátase de Explora Dinosaurs e Funtastik, dúas iniciativas pensadas para achegar experiencias inmersivas a públicos de todas as idades.
Os días 07 e 08 de febreiro o recinto acollerá Explora Dinosaurs, unha exposición que propón unha viaxe á prehistoria a través de fósiles e réplicas de dinosauros a tamaño real, ofrecendo unha experiencia didáctica e visual que permitirá achegarse ao mundo destes animais extinguidos dun xeito atractivo e accesible.
A segunda das propostas será Funtastik, que se desenvolverá entre o 20 de febreiro e o 01 de marzo. Este parque multiaventura chega por primeira vez a Lugo tras o seu éxito noutras cidades, cunha oferta baseada no ocio activo e a práctica deportiva. Funtastik é ademais unha actividade comprometida cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, promovendo valores como a sustentabilidade, o consumo responsable, a igualdade e a participación activa da cidadanía, así como a formación a través do deporte.