O Pazo de San Marco acolleu a presentación do libro "Os Ancares en Outono"

LugoXa
O Presidente da Deputación de Lugo participou este xoves na presentación do libro Os Ancares en Outono, xunto a Toño Núñez
22 Xul 2022

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos na presentación do libro Os Ancares en Outono, xunto a Toño Núñez, o coordinador da publicación, promovida pola Asociación Veciñal Irmandade Naviega. José Tomé elaborou un limiar para esta obra, que, resaltou, presenta “unha nova mirada sobre unha das paisaxes máis bonitas e emblemáticas da nosa provincia, da man de poetas e fotógrafos con raíces nos Ancares ou vinculados directamente con esta comarca”.

Os Ancares en Outono foi posible grazas á axuda económica outorgada pola institución provincial dentro da liña de subvencións que convocou o pasado ano para apoiar o labor de entidades asociativas que traballan nas Reservas da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá e de Terras do Miño, xestionadas pola propia Deputación.

“Estamos convencidos de que este tipo de apoio ao tecido asociativo é imprescindible para manter vivo e para poñer en valor o noso rural, dende a promoción do seu patrimonio natural e cultural. Cando falamos da cultura do rural, debemos falar do pasado, por suposto, pero, sobre todo, do presente e do futuro”, explicou o mandatario provincial, quen lembrou que “hoxe o rural da nosa provincia é un ámbito de traballo de creadores moi diversos, que se moven no ámbito da artesanía ata a produción audiovisual, pasando tamén polos exemplos recollidos nestas páxinas”.

Reivindicación da cultura

Neste sentido, reivindicou a importancia de garantir servizos públicos no territorio, como a educación, a sanidade ou a atención ás persoas maiores, pero tamén “temos que incluír a cultura, que nos axuda a medrar como persoas e nos mellora como sociedade, ademais de crear riqueza e axudar a impulsar estratexias de desenvolvemento social e económico”. “Estamos pasando días moi complicados. Os incendios están ameazando a moitos lucenses, ás súas casas e ás súas aldeas, e están destruíndo moita da nosa riqueza natural. Todos sentimos a dor intensa por elo, e por ver como se queiman, un ano máis, os nosos montes”, recalcou o Presidente, engadindo que non é o momento de pedir responsabilidades “senón de estar unidos e centrarnos na loita contra o lume, pero haberá que analizar se se fixo ben ou se se puido evitar parte desta traxedia, ademais de reclamar cambios no modelo, que pasan por garantir as tarefas de limpa, mantemento e vixilancia durante todo o ano, e que veñan da man de políticas transversais para manter vivo e ordenado o noso rural”.

“Se queremos seguir apreciando as paisaxes e aproveitando a riqueza dos Ancares e de toda a nosa provincia, se queremos que pousen as follas e non as cizas, é necesario que coidemos, durante todo o ano, os nosos montes, o noso rural”. Esta é, explicou José Tomé, “a verdadeira mensaxe de fondo que, para min, nos lanzan, dun xeito claro e potente, as páxinas, os versos e as fotos, deste libro”.

Os Ancares en Outono, impulsado pola Asociación Veciñal Irmandade Naviega, foi coordinado por Toño Núñez e conta coa participación de 20 escritores e escritoras e 14 fotógrafos e fotógrafas. Textos e imaxes que aportan unha mirada dende a sensibilidade e achegan ao lector ao patrimonio material e inmaterial dos concellos de Navia de Suarna, Becerreá e Cervantes.

0.14734601974487