O Pazo de San Marcos acolle a proxección de “Antes de Nós”, sobre Castelao

LugoXa
A sesión incluirá un coloquio coa directora Ángeles Huertas
película-Antes-de-Nós-Castelao
4 Nov 2025

O Pazo de San Marcos será este martes, 4 de novembro, escenario da proxección da película “Antes de Nós”, que afonda na figura de Castelao a partir das súas vivencias máis íntimas, relacionadas coa súa dedicación á medicina ou co falecemento do seu fillo, reflexionando sobre a trascendencia destes acontecementos na súa dimensión política e artística.

A sesión completará cun coloquio coa directora do filme, Ángeles Huertas, quen explicará o proceso de creación desta longametraxe de ficción, considerada a máis ambiciosa realizada até o momento sobre unha das figuras máis relevantes da Galicia contemporánea.

A deputada de Cultura, Iria Castro, convidou ao público a asistir ao acto, sinalando que “ademais de contribuír á difusión do filme, pretendemos achegar ao público ao seu proceso creativo a través dunha conversa coa directora”.

A responsable provincial avanzou que a actividade dá inicio a un ciclo de proxeccións pola provincia, que se desenvolverá nos próximos dous meses con pases en Samos, Castroverde, Palas de Rei, Chantada, Quiroga, Pantón, Becerreá, Barreiros e Riotorto.

Este ciclo enmárcase na colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo na produción do filme e busca ampliar a súa difusión máis alá dos festivais e salas de cine nos que foi proxectado tras a súa estrea o pasado 23 de maio.

⚙ Configurar cookies
0.085915088653564