O Pazo de San Marcos acolle 'O (Re)encontro', unha mostra con vinte obras inspiradas nos museos provinciais

O Pazo de San Marcos acolle a exposición O (Re)encontro, unha mostra que reúne unha vintena de obras de arte contemporánea realizadas por artistas que participaron en residencias da Rede Museística Provincial nos últimos anos, especialmente no marco do proxecto Estudio Aberto.
A deputada de Cultura inaugurou esta cita na Sala de Exposicións, destacando que os museos provinciais, máis alá de seren espazos expositivos, funcionan como lugares de acollida e inspiración para creadores de diferentes xeracións, disciplinas e procedencias.
A exposición ábrese con pezas de Mónica Trastoy, Ana Arregui, Luciana Rago e Miguel Benjumea, elaboradas durante a súa estadía esta semana no Pazo de Tor. As obras inspíranse na colección permanente, na arquitectura e na historia do edificio, tomando como referencia elementos como o mapa de Fontán, un gravado de Teóphle Steinlen, un cadro de María Magdalena no Salón de Xogos, a pel de leopardo que decora o Salón Norte ou os piares de pedra visibles na planta baixa tras o proxecto Soterradas
A mostra complétase cunha selección doutra quincena de artistas que participaron en Estudio Aberto ao longo da última década na mesma Sala de Exposicións, entre eles Ruth Montiel Arias, Neves Seara, Christian Villamide, Xosé Reigosa, Basilisa Fiestras, Reme Remedios, Lomarti, Roi Domínguez, David Fidalgo, Mar Ramón, Román Corbato, Félix Carpio, María Xosé Domínguez, Nuria Ruibal, Isabel Alonso, Gema López, Melania Freire, Bibi Martín, José Manuel Vidal, Senén Olano, Paz Vicente e Marcela Mastroiani, varios deles presentes na inauguración
A cita, que se poderá visitar ata o 14 de setembro, inclúe a futura edición dun catálogo que recollerá a traxectoria de Estudio Aberto, documentando os procesos creativos, así como o compromiso da Rede Museística Provincial co patrimonio cultural, os dereitos culturais e a accesibilidade.
A inauguración contou ademais cun recital do poeta palestino-sirio Mohamad Bitari, participante na residencia Escrita no Remoto, quen traballa na tradución de Os Eidos e na biografía de Uxío Novoneyra escrita por Antón Lopo. Bitari recitou versos inéditos do seu próximo poemario Pájaro ciego, que se publicará en decembro, e o acto pechou coa actuación musical de Davide Salvado