O Pazo de San Marcos acolle unha homenaxe a Elvira López Mourín

LugoXa
O Pazo de San Marcos acolle unha homenaxe a Elvira López Mourín cunha exposición ata o sábado e un documental
Homenaxe e Inauguración Elvira López Mourín
7 Mar 2023

O Pazo de San Marcos acolleu unha homenaxe á enfermeira Elvira López Mourín, no marco da programación que a Deputación impulsa para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller. No acto, no que tamén participaron diferentes autoridades e ducias de veciños e veciñas, presentouse o libro Elvira López Mourín, Unha Viaxe de Altura, que impulsa o Colexio de Enfermería de Lugo e a Academia de Enfermería de Galicia xunto coa institución provincial, que glosa a súa vida extraordinaria.

Tamén se inaugurou unha mostra sobre ela nos corredores do Pazo de San Marcos, a mostra poderá visitarse ata este sábado, 11 de marzo, en horario de mañá e tarde nos corredores do Pazo de San Marcos. Nela repásase con fotografías, documentos e textos a súa vida e os seus principais fitos. Durante o acto tamén se proxectou un documental feito polo Servizo de Audiovisuais da Deputación sobre a súa vida con voces de persoas destacables arredor do estudo da súa biografía, dando detalles e curiosidades arredor da súa figura. Pódese visionar na canle de YouTube deste servizo provincial.

“É unha satisfacción poder reunirnos hoxe, na casa de todos os veciños e veciñas desta provincia, con motivo dun acto vinculado co feminismo, coa recuperación da memoria e coa posta en valor do talento dunha muller lucense excepcional”, afirmou a deputada Pilar García Porto. Nas súas palabras deixou patente que a Deputación “mantén un firme compromiso co feminismo. A reivindicación dos dereitos das mulleres, a loita contra as violencias machistas e en favor da igualdade real e efectiva son valores transversais que incorporamos ao conxunto das nosas políticas”, ao tempo que lembrou que neste mandato a institución provincial aprobou o primeiro Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes na historia da Deputación de Lugo.

García Porto dixo que tanto o libro coma a exposición dedicada á súa memoria “téñennos que servir tamén para lembrar a todas as mulleres que non tiveron tanta sorte, porque os réximes totalitarios reservan sempre un plus de odio e marxinación cara ás mulleres, para actuar contra elas cunha violencia e cunha saña especial, derivada só do propio feito de selo”. Así mesmo, explicou que Elvira é un exemplo da loita de tantas lucenses, das nosas avoas e nais, que deron pasos cara adiante, dixeron “non” ou reclamaron dereitos de voto, de estudos, de traballo. Dereitos como a igualdade, o divorcio ou o aborto, que son hoxe os primeiros que os réximes totalitarios de calquera signo queren anular cando chegan ao poder. Porque a liberdade das mulleres é a liberdade de todos e todas”.

Ademais, engadiu que a figura de Elvira López Mourín “pasa á historia como a dunha muller que sube voar nun avión cando todo o mundo dicía que iso non era o apropiado para unha muller. Eu espero que eses voos seus, esa experiencia vital, nos sirvan, a todas e a todos, como recordatorio de que a sociedade só pode avanzar cando se compromete a non cortarnos as alas ás mulleres”, aseverou Pilar García Porto.

Elvira López Mourín, nada en Láncara no 1891, foi unha pioneira en todos os aspectos da súa vida. Pioneira en cursar estudos en Madrid nunha época na que as tarefas do fogar eran o destino maioritario das mulleres. Pioneira da primeira promoción de estudos de Enfermería, no que foi o gran paso que profesionalizou esta rama dos coidados para convertela nun piar esencial da atención sanitaria.

Elvira foi tamén unha pioneira na negación do discurso dos espazos. Na negación dese modo de pensar que di que hai espazos ou profesións de homes, e outros de mulleres. Elvira non se conformou con ser enfermeira: foi enfermeira militar, atendendo no fronte da guerra de Marrocos, e foi a primeira muller en subir a un avión para poñer en marcha o uso da aviación como recurso sanitario. Elvira López Mourín desenvolveu a súa traxectoria profesional como enfermeira no Madrid republicano e ao rematar a Guerra Civil sufriu un consello de guerra. Afortunadamente, imperou no seu caso o sentido común e quedou absolta de todos os cargos.

0.18521809577942