O Pazo de San Marcos acollerá unha xornada de formación sobre enfermidades nas gandarías

LugoXa
Proecogal e a área de Rural da Vicepresidencia impulsan a xornada na investigadores e profesionais falarán sobre a lingua azul, a EHE ou enfermidades transmitidas por parasitos
presentacion-curso-enfermidades-gandarias
Cartel
17 Xul 2024

O Pazo de San Marcos acollerá o venres 19 de xullo  a xornada Novos desafíos nas producións gandeiras. Lingua Azul, EHE e parasitos promovida pola Asociación de produtoras e produtores ecolóxicos de Galicia (Proecogal) coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O deputado Daniel García, acompañado por Javier Fernández e José González, representantes da entidade, presentaron o programa da xornada, na que investigadores e profesionais da sanidade animal abordarán cuestións relativas á incidencia,a prevención ou ao control de enfermidades que están afectar á cabana gandeira como a lingua azul, a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) ou outras afeccións transmitidas por parasitos.

Daniel García explicou que “a xornada pretende proporcionar a gandeiras e gandeiros información rigorosa sobre as causas e a evolución destas enfermidades, cunha incidencia que debemos avaliar no contexto dos retos que o cambio climático supón para o sector” e destacou que “apoiamos as accións do asociacionismo gandeiro, ao tempo que seguimos reclamando á Xunta de Galicia, que ten as competencias e os recursos neste materia, unha correcta planificación e xestión das accións de prevención e seguimento destas enfermidades, que causan importantes perdas ás gandarías”.

As xornadas, gratuítas e abertas á participación de gandeiras e gandeiros tanto de producións ecolóxicas como convencionais, desenvolveranse de 10.45 a 13.30 horas no Salón de Actos da Deputación de Lugo. A inscrición pode realizarse a través dun formulario en liña dispoñible nos perfís de redes sociais de Proecogal.

0.12829303741455