O Pazo de San Marcos acolleu a primeira cata dos viños da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia

Presentouse a nova Indicación Xeográfica Protexida de viños Terras do Navia, que tivo lugar na localidade de Navia de Suarna.
Cata de presentación da IXP Terras do Navia no Pazo de San Marcos
26 sep 2023

O Pazo de San Marcos acolleu a primeira cata dos viños da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia, unha degustación enfocada a profesionais coa que as adegas da conca do Navia estrearon o selo de calidade  que lograron en xullo pasado tras a súa inclusión no rexistro comunitario de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, o deputado de Medio Rural Daniel García e a deputada de Cultura Iria Castro participaron no acto,  no que se presentaron oito viños de distintas elaboracións coas variedades máis características e representativas da zona como a branca lexítima (branca do país) ou o tinto serodo, entre outras. Trátase de viños de Adega Panchín, de Negueira de Muñiz, pioneira na elaboración de viños na zona (Panchín e Nesta Ourela), Adega Sidrón, tamén de Negueira de Muñiz (DPieiga) e Bodega da Señora, de Navia de Suarna, que ven de incorporarse a IXP (Solarega).

Daniel García parabenizou “á Asociación Galega de Viticultura, a Federación Rural Galega e os adegueiros pola traballo realizado durante os últimos catro anos para lograr o selo de calidade que “pode ser unha gran ferramenta para impulsar a comercialización deste viños, animar a novas produtoras e produtores, e, en definitiva, para recuperar a produción de viño na zona e reverter o abandono de viñedos que se deu nas ultimas decadas”.

O deputado lembrou “a colaboración mantida ao longo dos dous  últimos anos coa Asociación Galega de Viticultura, que permitiu desenvolver diferentes accións de formación, asesoramento e divulgación dos viños de Terras de Navia” e mostrou “a  vontade seguir traballando conxuntamente nesa dirección, para aproveitar o potencial vitivinícola desta zona que”, apuntou, “será chave para o mantemento do territorio e da poboación nos concellos de Negueira, A Fonsagrada e Navia de Suarna”

O responsable da Federación Galega en Lugo, Elías Somoza, explicou que “o obxectivo é converter a IXP Terras do Navia nunha referencia na produción e no consumo de viños deste país, na quinta ixp que se pon en marcha en Galiza nos úlitmos tempos, e a primiera na provinicia e Lugo” e remarcou que “se queremos un rural vivo é necesario dar un nivel de vida digno as persoas que se dedican ao sector agrogandeiro”.

A cata, comentada por Martiño Santos e Roberto Regal, contou coa asistencia de profesionais de hostelería lucense.

0.20108795166016