O Pazo de San Marcos foi o escenario da presentación da Asociación de IXPs de Viños de Galicia

LugoXa
Promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o acto serviu para fortalecer a colaboración con adegueiros locais e para impulsar o recoñecemento e a difusión dos viños galegos
viños-galegos-con-IXP-Deputación-de-Lugo
18 Dec 2024

O Pazo de San Marcos foi o escenario dunha importante xornada para os viños galegos coa presentación da Asociación de IXPs de Viños de Galicia. O evento congregou a adegueiros representativos das cinco indicacións xeográficas protexidas (IXP) de Galicia, incluíndo a renovada IXP Terras do Navia.

Promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o acto serviu para fortalecer a colaboración con adegueiros locais e para impulsar o recoñecemento e a difusión dos viños galegos no sector da distribución e a restauración. A xornada foi enriquecida con relatorios de varios adegueiros que detallaron as características e os retos de cada zona produtora.

Efrén Castro, vicepresidente, salientou durante a súa intervención o compromiso coas pequenas producións locais e destacou o valor das iniciativas que fomentan o desenvolvemento económico sostible baseado nas particularidades territoriais das IXPs.

Como parte do evento, celebrouse un brinde institucional que contou coa participación de autoridades locais e adegueiros, manifestando o apoio colectivo ás indicacións xeográficas protexidas.

A tarde foi dedicada á cultura e a degustación, con 'Viños con música', unha experiencia aberta ao público onde os asistentes gozaron de viños presentados polos propios produtores, xunto con música en directo a cargo de intérpretes que evocaron as tradicións musicais das zonas vitivinícolas representadas.

⚙ Configurar cookies
0.43925189971924