O Pazo de San Marcos, punto de encontro das entidades que traballan en custodia do territorio de Galicia
O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, abriu no Pazo de San Marcos a III Xornada Galega de Custodia do Territorio, a primeira que se organiza na Deputación de Lugo. Unha cita que está pensada como un punto de encontro entre as entidades que traballan en custodia do territorio en Galicia e un foro aberto a outros axentes sociais e económicos que están vinculados dalgunha forma á estratexia de conservación do territorio.
“Estamos nun momento crucial para a conservación do medio ambiente porque a presión sobre os nosos recursos naturais nunca foi tan alta. É a nosa responsabilidade garantir que as futuras xeracións poidan desfrutar dun entorno san e próspero”, afirmou o Deputado, incidindo en que na provincia de Lugo “contamos cunha biodiversidade rica que se le nas nosas paisaxes e da que facemos bandeira con moito orgullo. Unha riqueza natural que temos que protexer e xestionar de xeito sostible”.
Carlos López puxo o foco en que a “custodia do territorio é unha ferramenta fundamental nesa misión. Involucrando aos propietarios das terras, comunidades locais e organizacións na protección e xestión dos nosos recursos naturais, podemos lograr unha conservación efectiva e duradeira. Unha colaboración que nos permite preservar os nosos bosques e ríos ao tempo que fomentamos o desenvolvemento económico sostible que necesitan as nosas comunidades”. “
Nesta xornada, dixo López, “temos a oportunidade de aprender de expertos e de compartir experiencias sobre como podemos mellorar as nosas prácticas de custodia do territorio”. Pola mañá abordáronse temas como os avances a nivel estatal de interese para a custodia do territorio en Galicia e o mapeo de iniciativas galegas que están en marcha; xa pola tarde os participantes continuaron a xornada na Casa das Insuas, en Rábade, para coñecer a contorna e abordar as liñas de traballo que teñen en común as entidades participantes.