O Pazo dos Deportes de Lugo xa ten todo listo para estrear o novo videomarcador

O Pazo dos Deportes de Lugo ultima a posta en marcha do seu novo videomarcador, que se estreará este sábado 28 de marzo coincidindo co encontro entre o CB Breogán e o Manresa.
A empresa encargada da instalación realizou varias sesións formativas dirixidas ao persoal do club celeste responsable da súa xestión durante os partidos, nas que se explicou a configuración e o manexo do equipamento.
Durante estas xornadas, técnicos especializados amosaron en detalle o funcionamento do sistema, co obxectivo de garantir o seu correcto uso desde o primeiro encontro. O novo dispositivo supón unha renovación integral da infraestrutura audiovisual do recinto deportivo, mellorando a experiencia tanto para o público asistente como para o propio desenvolvemento dos partidos.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, desprazouse ao Pazo para coñecer de primeira man os últimos preparativos antes da súa estrea, destacando a importancia desta actuación para modernizar as instalacións.
O videomarcador está composto por un prisma rectangular LED de 50 metros cadrados con esquinas curvas, ao que se suma un anel inferior LED de 8 metros cadrados coa mesma forma. En total, o sistema ofrece 58 metros cadrados de superficie audiovisual, permitindo reproducir en alta calidade repeticións, gráficos, publicidade ou estatísticas en tempo real.