O peche da sala do 091 de Lugo preocupa á asociación de mulleres maltratadas
O peche da sala do 091 da Policía Nacional de Lugo, previsto para o vindeiro 1 de marzo para pasar a ser un servizo centralizado dende a Xefatura da Coruña, preocupa na asociación Si, Hai Saída, que atende a mulleres maltratadas.
Dende a asociación veñen de manifestar a súa "preocupación e mesmo alarma" ante o futuro deste servizo que "representa un evidente prexuizo para toda a cidadanía, pero é de xeito especial para as vítimas de violencia de xénero para as que a supresión deste servizo pode implicar graves consecuencias".
Consideran que a decisión de que as chamadas ao 091 pasen a seren atendidas dende A Coruña "é calquera cousa menos tranquilizadora" xa que "é moi complicado, ás veces en momentos de grave perigo e de lóxicamente gran nerviosismo, no que cada segundo conta e pode supoñer a diferencia entre salvar ou perder unha vida, contextualizar a situación correctamente, máxime a un axente que, obviamente, descoñece o asunto que provoca a chamada, polo que o feito de que coñeza o terreno de primeira man é fundamental".
Si, Hai Saída di descoñecer os "motivos reais" para levar a cabo este peche, pero consideran que "si un deles é tentar paliar o déficit de persoal que existe na comisaría de Lugo, cremos, e con todo o respecto o dicimos, que esta medida é desnudar un santo para vestir outro e que nin esta nin ningunha outra que vaia en detrimento das persoas debería ser unha opción".
A asociación conclúe que o servizo do 091 é un "servizo esencial" do que poden chegar a depender vidas. "A rapidez de acción cando se producen este tipo de chamadas é vital", argumentan.