O pensamento de Castelao será o tema central deste sábado na Casa Museo de Manuel María

LugoXa | TerraChaXa
O escritor e profesor Manuel Rei Romeu falará sobre as ideas do político nacionalista
castelao
29 Jan 2025

Este próximo sábado, día 1 de febreiro, ás 19 horas, a Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, organiza unha palestra sobre o pensamento de Castelao, coincidindo co 75 aniversario do seu falecemento

O escritor e profesor de lingua e literatura galega, Manuel Rei Romeu será o encargado de tratar o pensamento e a obra de Castelao e a súa significación e importancia naquela altura na sociedade galega, a súa influencia na política galega e a vixencia das súas ideas.

Manuel Rei é un salientábel estudoso no campo da crítica literaria nomeadamente na figura de Castelao, profundando na súa obra literaria e na súa actuación política, con ensaios como Arte e verdade. A obra literaria de Daniel Castelao; Castelao e Sempre en Galiza; Afonso Daniel Castelao; Castelao: desta Terra, deste tempo; Volver a Castelao... Alén do intenso labor de divulgación de Castelao, Manuel Rei ten contribuído á clarificación de figuras relevantes como Curros Enríquez, Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro... e participado, entre outras, en obras colectivas como Literatura galega: da Idade Media ao século XIX ou a Historia da literatura galega da AS-PG.

A actividade deste sábado, que conta coa colaboración de Vicepresidencia da Deputación de Lugo, é de acceso libre até encher o aforo, mais é necesario facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no Whatsapp 698 177 621.

0.16831493377686