O pentacampeón David Arcay ofrece en Lugo un curso de pesca deportiva no Miño

LugoXa
A área de Xuventude ofrece nos meses de abril, maio e xuño, un curso gratuíto de pesca deportiva no río Miño, de cinco horas de duración, para a mocidade lucense de entre 18 e 38 anos.
22 Mar 2024

A área de Xuventude ofrece nos meses de abril, maio e xuño, un curso gratuíto de pesca deportiva no río Miño, de cinco horas de duración, para a mocidade lucense de entre 18 e 38 anos. O curso, enmarcado no programa +XTi, cofinanciado polo Ministerio de Sanidade, a través do Plan Nacional sobre Drogas, estará impartido por David Arcay, pentacampeón do mundo de pesca.

“Trátase dunha magnífica ocasión tanto para iniciarse neste deporte como para mellorar a técnica e incrementar a habilidade e destrezas coa caña, pois contaremos cun docente de luxo, cun palmarés envexable con cinco campionatos do mundo de pesca no seu haber”, explicou o concelleiro, Jorge Bustos. Esta actividade vólvese a ofertar logo do gran éxito que tivo o ano pasado cando se puxo en marcha por primeira vez, desenvolvéndose nun entorno natural único como é a ribeira do Miño ao seu paso por Lugo.

As persoas interesadas poden inscribirse a partir deste martes, 26 de marzo, a través da páxina web www.lugomasxti.org. En total haberá 48 prazas dispoñibles que serán adxudicadas por rigorosa orde de entrada das solicitudes. As persoas participantes non terán que levar ningún equipo, todo o material necesario, como a caña o carrete ou os cebos, será facilitado na propia actividade.

Haberá 4 grupos, dous de iniciación e outros dous de perfeccionamento, para quen xa teña experiencia pescando. O primeiro grupo terá a actividade o sábado, 20 de abril, o segundo iniciarase no deporte o sábado 11 de maio e o terceiro o 1 de xuño. Será en horario de 9.00 ás 14.00 .

0.19699788093567