O percorrido da Cabalgata dos Reis Magos de Lugo irá desde o Parque da Milagrosa ata o Concello
Celebrouse a xuntanza da Xunta Local de Seguridade previa á Cabalgata de Reis, na que se confirmou o percorrido definitivo da cabalgata, que volverá ser o habitual, partindo ás 18.00 horas do Parque da Milagrosa e continuando pola Avenida da Coruña. A entrada no recinto histórico será pola Porta de San Fernando e continuará percorrendo as rúas San Fernando e San Marcos, para chegar á praza de Santo Domingo e continuar pola rúa da Raíña, antes de rematar diante do Concello aproximadamente ás 19.30 horas, momento no que os Magos de Oriente recibirán a todas as nenas e nenos que entren no Concello.
A Xunta Local de Seguridade conta coa representación de Bombeiros, Protección Civil e Policía Local, ademais de Garda Civil e Policía Nacional, a quen a edil de Cultura do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, agradeceu "a implicación e colaboración, que se nota no bo resultado do desfile dos Reis Magos pola cidade ano a ano".
O desfile contará coas catro carrozas, as tres dos Reis e a dos agasallos e en total haberá 14 espectáculos que inclúen a participación de 80 actrices, actores e músicas. Submarinos, caravanas cirquenses, zeppelíns, grandes animais, músicas diversas e moito máis, unha espectacular posta en escena que acompañará ás súas maxestades no seu percorrido pola cidade.
Durante o desfile, os paxes reais repartirán 1.500 quilos de caramelos entre todas as nenas, nenos e maiores que se acheguen a saudalos.